A actriz e presentadora Isabel Blanco estará hoxe en "Con Amor e Compañía", que se muda ás noites dos luns

0
8

Santiago, 11.09.2017.-   O programa de entretemento da Televisión de Galicia “Con Amor e Compañía”, que presenta David Amor e que a partir desta semana ofrecerase os luns á noite, terá hoxe de convidada a actriz galega Isabel Blanco. Será unha noite especial para o presentador, xa que despois de 15 anos el e a convidada volven coincidir nun estudio de televisión.

Isabel Blanco é un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia. Foi  presentadora dalgúns dos programas de máis éxito da canle autonómica como “A Repanocha” e “O Rei da Comedia”, pero sobre todo é coñecida polo seu papel de María na mítica serie “Mareas Vivas”, entre outras series e películas. Pero, ademais de repasar toda a súa traxectoria, os espectadores galegos descubrirán hoxe algunhas cousiñas de Isabel Blanco, ben porque as contará ela mesma ou ben porque compañeiros de profesión deixarán algunhas lembranzas de cando traballaron con ela.  

Co bo humor que sempre a caracteriza, Isabel non dubidará en participar nos retos do programa, contar un supresegredo e ata David Amor intentará roubarlle un bico.

Por outro lado, o “Cuñao” presentará o documental “Alén do Cosmos”, un traballo feito polo compañeiro da Radio Galega Pedro Pablo Alonso e o cámara Cuco Pino, en que descubren o galego Santi Formoso, toda unha lenda do fútbol internacional, xa que xogou no coñecido equipo Cosmos de Nova York e foi o primeiro deportista español en gañar un anel nas grandes ligas de fútbol dos EE.UU.

Por último, o programa completarase co monólogo de David Amor e as intervencións do veciño de estudio de gravación “O Deitado”.

Fuente: TVG

Compartir