A actriz galega Ledicia Sola visita esta noite o programa "Con Amor e Compañía"

0
14

Santiago, 03.08.2017.-    Un xoves máis, o entretemento na Televisión de Galicia chega cunha nova entrega do programa “Con Amor e Compañía”, presentado por David Amor. Hoxe visitará o programa Ledicia Sola, unha das grandes actrices galegas, cunha ampla traxectoria en teatro, cine e televisión.  

Coma sempre, os convidados acoden ao programa para descubrirlles aos espectadores as súas facetas máis persoais e para pasar un rato divertido e hoxe non será unha excepción coa visita dunha intérprete coñecida pola súa participación en series como “Pazo de Familia” ou na obra de teatro “Amigos ata a Morte”, xunto a David Amor e Xosé A. Touriñán. Pero o que hoxe descubrirá “Con Amor e Compañía” de Ledicia Sola serán algúns dos seus segredos como o seu primeiro bico ou a súa afección pola poesía. Alguén moi especial para a actriz tamén contará algún que outro segredo máis.
    
Ademais, Ledicia vén disposta a pasalo ben, polo que non dubidará en participar e colaborar nos retos que lle propoña David Amor. Deste xeito, demostrará a súa habilidade na poesía participando en “Rima na Tarima” e os seus dotes para a interpretación xogando xunto a Miss Tamallancos a “Cinema para o Riso”.

Por outro lado, os espectadores e seguidores do programa coñecerán esta noite unha nova colaboradora. Trátase de Uxía Fletcher, unha muller dedicada en corpo e alma ao xornalismo de misterios. Acode por primeira vez ao programa para descubrir e revelar “ao seu xeito” algúns dos misterios que se agochan nas cousas máis sinxelas. Hoxe, por exemplo, analizará e explicará o significado real que se agocha na letra do Himno.

Fuente: TVG

Compartir