A cantante Shaila Dúrcal, a fadista Ana Moura, o grupo A Banda da Loba e a formación asturiana Muyeres, convidadas nun "Luar" con acento feminino

0
35

Santiago, 09.03.2018.-   Un día despois da celebración do 8 de marzo, as mulleres serán protagonistas este venres en “Luar”, que recibirá a visita da cantante Shaila Dúrcal, que está a promover en España o seu sinxelo “Que importa”, presentación do novo traballo que presentará este verán.

Tamén estará no escenario a portuguesa Ana Moura, considerada unha das fadistas con máis éxito da súa xeración e unha das voces máis orixinais deste estilo musical. A partir da música tradicional, a artista foi explorando outros xéneros e fusionándoos co seu propio dun xeito moi persoal. O seu característico timbre grave e sensual transforma con elegancia e naturalidade calquera melodía.

Ademais, o espazo da TVG contará coa presenza de A Banda da Loba, quinteto feminino compostelán que debuta co disco “Bailando as rúas”. Nel, letras de célebres plumas da literatura galega, como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, de autoras contemporáneas como Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial ou das propias integrantes do grupo alíanse con ritmos tan variados coma o rock, o pop, o country e o blues nun disco integramente en galego.

A música tradicional de Asturias estará presente no programa desta semana co grupo Muyeres, que pretende reivindicar a variada música de percusión desta comunidade e o papel da muller como protagonista e depositaria da tradición musical asturiana.

No “Luar” desta noite tamén actuarán a Banda de Música Cultural de Salceda xunto a Suso Vaamonde, a orquestra Marbella, a agrupación cántabra Rabelistas Campurrianos e o gañador da última edición do concurso “Recantos”, Antonio Barros.

Pero a gran novidade da noite será o comezo dunha nova edición do certame “Vai de Baile”, que durante as vindeiras semanas buscará a mellor parella de baile tradicional de Galicia. O gaiteiro Cristian Silva, o músico e coreógrafo Xisco e Montse Rivera, integrante do grupo Leilía, forman o xurado dun concurso que ao final da temporada lle outorgará 2.000 € á parella gañadora e 1.000 á subcampioa.

Ademais, coma cada venres, “Luar”, que hoxe conta cun bote de 9.000 € no concurso telefónico, ofrecerá unha nova entrega do concurso de talentos da música “Recantos”, en que nesta ocasión será a quenda de José Barrán, de Galicia Centro, e Cristina Cimadevila, procedente da comarca Terras de Pontevedra.

Fuente: TVG

Compartir