A CRTVG presenta a súa ficción ás distribuidoras internacionais no Conecta Fiction

0
10

Santiago, 21.06.2017.-    Rosa Vilas, adxunta á Dirección Xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, presentou hoxe no Conecta Fiction a actividade que desenvolve a TVG e os seus proxectos audiovisuais de ficción. Vilas destacou a ficción como un dos núcleos da actividade da canle pública. “Temos un sector audiovisual cun músculo capaz de afrontar os retos do futuro. En Galicia hai unha auténtica factoría de talento e creatividade”, sinalou.

A CRTVG colabora activamente no Conecta Fiction, o primeiro evento dedicado á coprodución de ficción televisiva entre Europa, América e Estados Unidos, que este mediodía foi inaugurado oficialmente en Santiago polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O acto tamén contou coa intervención do presidente do Cluster Audiovisual Galego, Jorge Algora.

Esta primeira edición de Conecta Fiction, que se desenvolverá ata o vindeiro venres, reunirá en Galicia 350 profesionais de 20 países, entre os que se atopan responsables de produtoras, plataformas de OTT, empresas inversoras, creativos, guionistas, distribuidoras e máis de 35 canles internacionais de televisión, entre elas os xigantes HBO e Netflix.

Durante estes tres días de inmersión no mundo das series e miniseries de televisión, celebraranse tres sesións de pitching para presentar 16 proxectos que aspiran a seren coproducidos, seis obradoiros e casos de estudo e 15 paneis e mesas redondas. Ademais, presentaranse cinco series internacionais en screenings e de estrea en España.

Fuente: TVG

Compartir