A nova promesa da música española Marta Soto e o grupo vigués Maryland, convidados no «Bamboleo»

0
6

Santiago, 09.05.2020.-     O espazo de música e entretemento ‘Bamboleo‘ (22.00 h) convida esta noite a subir ao seu escenario a compositora onubense Marta Soto, unha nova promesa da música española, cunha personalidade propia, unha voz carismática e un talento inconmensurable. Soto deuse a coñecer a través da súa canle de YouTube, interpretando versións de éxitos da música en español. Despois de ser descuberta e aclamada por grandes artistas do noso país, publica o seu primeiro EP dixital, titulado ‘Quiero verte’.

O programa da TVG presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá a visita da orquestra Solara e do grupo vigués de rock alternativo e power pop Maryland, que está a presentar o seu cuarto álbum, ‘Resplandor’, un disco de alto poder emotivo e o máis valente da súa carreira, en que se amosa en toda a súa amplitude o universo Maryland: ensamblan con acerto as melodías e os riffs de guitarra, todo isto aderezado coa expresividade e a frescura que os caracteriza.

No escenario tamén estarán Berenice Fernández, interpretando ‘Te vas’, de Américo, e Yanet Carrazana, co tema ‘Proud Mary’, de Tina Turner, competindo ambos os dous na sección ‘Agora ou Nunca‘.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor‘, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘Déixate de Juasá‘, que animará a Maruja e Carla a prescindir de tanto trebello tecnolóxico; ‘A Jrileira‘, onde María e Iago se enfrontarán ao karaoke cantando ‘Bulería’, de David Bisbal, e ‘Dirtidansi‘, en que parellas de distintas xeracións bailarán hoxe samba e rock & roll.

Fuente Crtvg.es