A Radio Galega renóvase esta temporada cunha decidida aposta pola proximidade e a especialización

0
17

Santiago, 03.09.2017.-    A Radio Galega pon en marcha este luns a súa nova programación de outono, que chega cargada de novidades, coa incorporación de programas dedicados ao agro, á pesca, á literatura, ás novas tecnoloxías, ao humor, ao deporte e ás experiencias das persoas emigradas; cunha decidida aposta pola programación musical; coa renovación de formato dos dous grandes magazines diarios da emisora pública, “Galicia por Diante” e “A Tarde”, e con renovado protagonismo da información local.

Tras os contidos máis frescos do verán, a emisora pública retoma con forza a actualidade informativa. Kiko Novoa manterase á fronte do “Galicia por Diante” (06.00 h.), que renova formato co obxectivo de situar o oínte nas claves informativas do día. Centrado na actualidade de Galicia, abre novos espazos de análise e entrevistas para consolidar a Radio Galega como referente de opinión pública. Outra das novidades desta etapa será a incorporación da figura do “animador”, que actuará de contrapeso de Kiko Novoa, porá a nota de humor, colaborará nas entrevistas e terá seccións propias. Para este cometido, “Galicia por Diante” ficha esta temporada a Carlos Jiménez, procedente do programa deportivo “Galicia en Goles”.

Pola súa parte, o magazine de actualidade e entretemento “A Tarde”, presentado unha temporada máis por Cristina García, amplía a súa duración nunha hora e pasará a emitirse de 16.00 a 20.00 h. A primeira hora do programa será puramente informativa e debullará cada día un tema de actualidade. As dúas seguintes responderán aos parámetros puros do formato magazine, con entrevistas, reportaxes e faladoiros sociais e culturais, e a última, como antesala de “A Crónica”, retomará o ton informativo.

Se por algo se caracterizará este curso na Radio Galega será pola especialización temática, coa incorporación de novos programas como “Mar de Ardora” (sábado, 07.00 – 08.00 h.), centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relato de historias humanas, e “Ferrado e Medio” (domingo, 07.00 – 08.00 h.), dedicado á actualidade do agro. Ambos os dous espazos serán presentados por Xusto López Carril.

Ademais, a xornalista María Solar volve á radio para dirixir e presentar “Chamando á Terra”, outra das novidades na grella da programación da Radio Galega, que se emitirá os sábados de 16.00 a 17.00 h. Este programa especializado tratará o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos. Outra cara moi coñecida da TVG, Carlos García-Verdugo, chega á Radio Galega para presentar “Lambóns Dixitais”, un formato especializado en novas tecnoloxías, que se emitirá os sábados de 12.00 a 13.00 h.

A experiencia profesional e humana das persoas galegas polo mundo adiante terá o seu espazo en “Un País Mundial”, outra das novidades, que se emitirá os domingos de 08.00 a 09.00 h., que ofrecerá un retrato humano das persoas emigradas e que será presentado por Belén Regueira. Tamén se incorporan á programación da Radio Galega os novos programas “E por que non?”, de contido humorístico e dirixido e presentado por Carlos Tresandí, e “Discóbolo”, especializado en cultura e deporte e presentado por Óscar Losada.

Aposta pola música de todos os estilos na madrugada

Outro dos eixes da programación da Radio Galega será a oferta musical. A emisora pública fai unha aposta pola música de todos os estilos na madrugada de todos os días da semana. Así, os luns ofrecerase “Fío Condutor”, a cargo de Eduardo Herrero e centrado en estilos como o blues, o folk, o country e o soul. Os martes será a quenda do programa de rock “O Lobo Urbano”, con Charli Domínguez. Xía Arias achegará os mércores a actualidade das bandas galegas con “Onda Vital” e Susana Rois ofrecerá os xoves unha axenda musical dos grupos galegos en “Arde o Sol”.
    
As noites da fin de semana serán para “Notas de Jazz”, a cargo de Xabier Facal, que se emitirá os venres; “Tres Peixes Voando”, os sábados, con música galega e músicas do mundo ofrecidas por Xabier Díaz e Guillerme Fernández, e “Fondos Reservados”, que achegará os domingos, da man de Moncho Lemos, os éxitos musicais das tres últimas décadas. Todos estes programas redifusionaranse a través de Radio Galega Música.

Polo demais, continúan na grella da Radio Galega programas tan consolidados como “Diario Cultural”, presentado unha temporada máis por Ana Romaní; o programa de música e humor “Sesión Vermú”, a cargo de Xosé Manuel Piñeiro, que este ano presenta como novidade un eixe de contido diario; “Convivir”, con Clara de Saa, que cambia de hora e aposta pola temática social nun horario tipicamente cuberto por faladoiros políticos e económicos (21.00 h.); o programa de paraciencias “Milenio”, de Antón Rebollido; o espazo nocturno de interacción cos oíntes “Pensando en Ti”, que nas madrugadas de luns a venres será presentado por Marcial Mouzo e o sábado e o domingo por Viti González, e “Somos Quen”, o gran magazine das mañás da fin de semana, unha temporada máis a cargo de María Xosé Rodríguez.

Máis proximidade nos informativos

Os Servizos Informativos da Radio Galega van gañar esta temporada 17/18 en proximidade cunha aposta pola información local, que contará cunha fiestra propia e diferenciada no programa “Aquí Galicia” ás 13.45 h.

Outra das grandes novidades é que “Crónica das Dúas”, o informativo principal da emisora, modifica a súa estrutura para ofrecer dous bloques de información: a xeral (de 14.00 a 14.30 h.) e a deportiva (de 14.30 a 15.00 h.). Seguirá conducido por Xosé Valiñas.

Ademais, o programa “A Crónica”, presentado por Silvia Pereira, consolídase na súa primeira fase (de 20.00 a 20.30 h.) como programa de información e análise que contará coas grandes sinaturas da opinión pública de Galicia. No segundo tramo do programa (de 22.00 a 23.00 h.) ofrecerase o seu habitual faladoiro, moderado por Luís Ojea.

Finalmente, na fin de semana, arranca, tras “A Crónica” do domingo, o programa de reportaxes “Panorámica” (23.30 h.).

Fuente: TVG

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here