A romaría da Virxe da Cela de Monfero, a Festa Castrexa de Burela e o Asalto ao Castelo de Vimianzo, entre as citas do "Vaia Troula"

0
0

Santiago, 08.07.2018.-   Este domingo pola noite “Vaia Troula” convida a todos os espectadores da Televisión de Galicia a unha divertida e festeira viaxe. A presentadora Nieves Rodríguez estará en Monfero, onde celebran un ano máis a romaría da Virxe da Cela na contorna do fermoso mosteiro deste concello coruñés.
    
Pola súa parte, a reporteira Belén Vara irá ata Burela para vivir en primeira persoa a incrible Festa Castrexa, que comeza cun multitudinario desfile de clans. Ariadna Leis estará en Negreira, onde celebran o San Cristovo con música e boa comida. Aínda que o momento máis agardado é o da espectacular procesión de coches e camións. E Belén Rivero viaxará a Vimianzo, onde terá lugar unha nova edición do Asalto ao Castelo, unha troula histórica na que a diversión está asegurada.  
    
As cámaras de “Vaia Troula” tamén estarán presentes no Entroido de Verán de Salceda de Caselas, na Festa do Churrasco de Narón, no Día das Peñas de Boiro e na celebración do San Cristovo de Mesía.
    
A Festa Mariñeira de Muros, a exaltación do lacón de Silleda e o Santo Antón de Catoira completan o menú trouleiro do programa deste domingo. E, para que non falte o ritmo, o programa da TVG tamén ofrecerá as actuacións dos mellores grupos e orquestras do momento.

Fuente: TVG

Compartir