A TVG afonda na vida e obra de Antonio Fraguas durante a semana das Letras Galegas, en que se estreará a película 'Sicixia'

0
7

Santiago, 13.05.2019.-    Os medios públicos galegos súmanse á celebración do Día das Letras Galegas ofrecendo unha programación especial ao longo de toda a semana dedicada ao autor homenaxeado este ano, Antonio Fraguas, escritor, historiador, profesor, antropólogo e etnógrafo, que participou ao longo da súa vida nas máis importantes institucións galegas relacionadas coa cultura, a conservación e o estudio do patrimonio e que contribuíu a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento.

Precisamente, o Museo do Pobo Galego, un dos seus principais legados, é o protagonista do anuncio co que a CRTVG lle rende homenaxe estes días a Antonio Fraguas, coa voz do propio autor falando desta institución. Este vídeo forma parte das accións de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG.

Durante toda a semana, o programa cultural ‘Zigzag’ emitirá reportaxes sobre a vida e obra de Fraguas e o venres, Día das Letras Galegas, ofrecerá, a través da primeira canle, un especial monográfico desde o Museo do Pobo Galego, institución da que foi director e presidente. O programa contará con diversos expertos, analizará a súa figura e recuperará imaxes de arquivo que conserva a TVG sobre o autor.

Nesta xornada, a canle pública galega dará conta nos seus espazos informativos de todos os actos conmemorativos, con seguimento do pleno extraordinario que a Real Academia Galega realizará ao mediodía en Cotobade, a terra natal de Fraguas, e das diversas homenaxes institucionais.

No serán do 17 de maio, a Televisión de Galicia ofrecerá o programa especial ‘Galegofalante Vip’, que coñecerá polo miúdo persoeiros da nosa terra que gozan falando a nosa lingua, que medraron con ela e que sempre que poden a empregan tanto no seu ámbito familiar como no profesional. O programa visitará a Sergio Álvarez, o Gato de Catoira; Roi Méndez, a voz de OT; Inés Abril, unha cociñeira con Estrela Michelin; Anxo Carracedo, un científico de renome; Rodrigo Vázquez, todo un Mestre Mateo; María Canle, a influencer de moda, e Manel Loureiro, unha eminencia como escritor.

A relación coa lingua galega será tamén o eixe da entrega deste sábado do espazo ‘Vivir Aquí’, que analizará a súa situación na vida cotiá co exemplo de sectores moi presentes na vida diaria, coma a xustiza, a sanidade, a educación e o comercio, para ver cal é o uso do galego hoxe en día nas accións máis comúns.

O cine en galego será outro dos pratos fortes destes días. O 16 de maio, na véspera do Día das Letras, estréase ‘Sicixia’, o último filme de Ignacio Vilar, director das películas ‘Pradolongo’, ‘Vilamor’ e ‘A Esmorga’. Esta longametraxe, con Monti Castiñeiras e Marta Lado como protagonistas, ofrece un paseo visual e sonoro pola Costa da Morte.

E o día 17 os espectadores gozarán dunha tarde de cine, coa proxección de ‘Os Fenómenos’, filme de Alfonso Zarauza que conta no elenco, entre outros, con Lola Dueñas, Luís Tosar, Miguel de Lira, Antonio Durán ‘Morris’ ou Xosé Antonio Touriñán. Narra a historia dunha muller que, tras a morte da súa parella, se ve obrigada a regresar a Ferrol, a súa vila natal, cun bebé. Despois de moitas dificultades para atopar traballo acabará como peón de albanel, superando con coraxe a dureza deste oficio.

Cinema galego e documentais na tvG2

As Letras Galegas tamén estarán moi presentes esta semana na programación da tvG2, que esta noite ofrecerá a película ‘A Esmorga’, o filme de Ignacio Vilar sobre o clásico de Eduardo Blanco Amor, e ‘Doentes’, baseada nunha obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño. Na sesión cinematográfica do sábado, emitirase ‘O bonito crime do carabineiro’, película baseada na obra do premio Nobel Camilo José Cela.

A oferta da segunda canle para estes días complétase con documentais sobre outras figuras destacadas da literatura galega, como Manuel María, María Victoria Moreno, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía de Castro.

Edicións especiais de ‘Galicia por Diante’ e ‘Diario Cultural’ na RG

A Radio Galega, que leva todo o mes recuperando do seu arquivo fondos documentais coa voz de Antonio Fraguas e emitindo teatralizacións sobre a súa vida e obra, terá este venres dous escenarios recorrentes na súa programación. O primeiro será na localidade pontevedresa de Cotobade, onde se celebra o pleno extraordinario da RAG. Dentro do programa ‘Galicia por Diante’, tamén se ofrecerá o acto de homenaxe da Xunta de Galicia e conversarase con académicos, con biógrafos de Fraguas e con veciños que lembran o escritor.

A edición de tarde do espazo ‘Diario Cultural’ duplicará o seu tempo a unha hora para realizar o programa desde o Museo do Pobo Galego en Santiago, cun paseo polos interiores da institución e cun faladoiro con María Xosé Fernández Cerviño, do Padroado; Rosa Méndez, bibliotecaria do MPG, que conserva a súa obra e os 20.000 libros doados por el, e a historiadora Encarna Otero.

Ademais, a CRTVG, que está a utilizar as redes sociais como outra fonte divulgadora sobre Antonio Fraguas, contará cunha web dedicada á figura do homenaxeado, en que reunirá todos os recursos dispoñibles sobre o autor e que estará aloxada dentro da sección de RSC do portal crtvg.gal #AcciónsG.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here