A TVG comparte esta noite cos espectadores a emoción e a intensidade da Rapa das Bestas de Sabucedo

0
0

Santiago, 07.07.2018.-    O verán é época de rapa polos montes galegos, pero hai un curro que destaca por riba de todos: o de Sabucedo, coa súa tradicional “Rapa das Bestas”, unha tradición centenaria en que cabalos e aloitadores enfróntanse de igual a igual, corpo a corpo.

Xunto a veciños e visitantes e baixo a protección de San Lourenzo, a TVG subirá este ano ao monte para xuntar as greas e levalas ao curro. Alí as bestas serán sometidas con valentía, sen cordas nin paos, co único obxectivo de cortar as crinas.

No transcurso deste especial da Galega vivirase cos veciños a emoción e a intensidade dunha festa para a que traballan os 365 días do ano e en que cada detalle conta, como ter ben afiadas as tesoiras ou asegurarse de que os visitantes teñan un camping de cinco estrelas. Asistirase, tamén, ao primeiro dos tres curros que se celebrarán durante os catro días que dura a festa.

A fama desta rapa ancestral, cun forte compoñente ritual, leva moitos anos espertando o interese do público internacional cunha importante cobertura mediática. Este ano a rapa será cuberta por 130 medios acreditados coa presenza de máis de 2.000 xornalistas. Un interese turístico e cultural, que fai que a pequena vila reciba durante esta festa a máis de 20.000 visitantes.

Fuente: TVG

Compartir