A TVG estrea "Xente con Oficio", espazo que recupera estas profesións do esquecemento, a través dos ollos de dous protagonistas

0
7

Santiago, 11.08.2018.- As novas tecnoloxías inundan o noso día a día relegando ao esquecemento oficios que noutro tempo foron esenciais. Moitos deles perderon o seu posto na sociedade substituídos por unha máquina ou a causa dun sistema económico que lles fixo imposible competir en prezos. Televisión de Galicia estrea este sábado, ás 20.00 horas, “Xente Con Oficio”, un programa dedicado a estes homes e mulleres galegos que traballaron arreo e con paixón nun oficio ata chegar á mesma perfección.

Chegaron a el, na maioría dos casos, ensinados polos seus pais ou avós que vían no bo facer dun oficio a maneira máis sinxela de levar un sustento ás súas familias. Agora son eles os que transmiten con ilusión o seu coñecemento a mozos e mozas, que cunha perspectiva laboral incerta, ven nos oficios dos seus antepasados unha profesión de futuro.

“Xente con Oficio” achegará en cada programa dous puntos de vista diferentes dunha mesma profesión: a do mestre, o profesional que lle dedicou toda unha vida, e a do aprendiz, xente nova que chega con forza e gañas de tomar a remuda. Para iso, en cada edición visitarase o obradoiro dun experto, pero tamén os centros de formación que imparten oficios de toda a vida.

Ao longo de trece entregas, os espectadores coñecerán polo miúdo oficios de sempre que seguen tendo o seu espazo nos tempos actuais, como é o traballo dos carpinteiros de Ribeira, dos ferreiros de Riotorto, dos canteiros de Poio, dos torneiros de madeira da Coruña, dos luthiers de Carballo e Cambre, dos apicultores de Arzúa, dos zoqueiros de Mondoñedo, dos gaiteiros de Ortigueira e Ourense, dos panadeiros de Santiago e Fisterra, das redeiras de Malpica e Cangas, dos oleiros de Buño e Niñodaguia e da velería de Sada, amais tamén dos xardineiros, os protagonistas de “Xente de Oficio” hoxe na súa estrea.

O oficio dos xardineiros, na primeira entrega

Hoxe, a través de “Xente con Oficio” e de Manuel coñecerase o oficio dos xardineiros. Baixo a epígrafe “Xardineiros, sementadores de soños”, este mozo, que se ocupa da conservación e o mantemento dos xardíns do pazo de Rubiáns, visitará os seus antigos profesores do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, na Coruña. Contará como é o seu día a día ocupándose duns xardíns históricos.

Fuente: TVG

Compartir