"Aquí Hai Praia" coñecerá areais destacados de Vigo, Ferrol e Barreiros

0
15

Santiago, 06.08.2017.- A nova edición de “Aquí Hai Praia” (23.50 h.) que a TVG ofrece esta noite visitará os areais máis representativos de puntos moi distantes entre si e con características moi diferentes. No sur de Galicia, o equipo do programa coñecerá a praia de Areal do Vao, en Vigo. Situada na parroquia de Coruxo, é unha das de maior sona da cidade despois da de Samil. De area branca e fina, conta cun paseo que atrae a numerosos turistas, é ideal para a práctica de deportes acuáticos e destaca por ser un dos areais elixidos pola xente nova da cidade e dos arredores.

Viaxando cara ao norte, os espectadores coñerán unha das praias máis senlleiras de Ferrolterra: a de Doniños, en Ferrol. Situada nos arredores da capital ferrolá, ten unha lonxitude de case 2 km e é coñecida porque nela se practican habitualmente deportes como o surf ou o bodyboard, grazas á forte ondada que se produce. Ao igual que sucede no Vao, é unha praia moi frecuentada pola xente nova da cidade, así como por familias de toda a contorna. Escolas de surf próximas, así como principiantes, achegarán as súas experiencias. Ademais, o programa descubrirá que Doniños é unha das praias preferidas polos turistas da zona Sur de España, especialmente de Andalucía, así como por numerosos visitantes do resto da zona norte do Estado e tamén, por suposto, de Galicia.

Finalmente, en Lugo, “Aquí Hai Praia” pasará a areais máis recollidos e seguros. É o caso da praia das Pasadas, en Barreiros. Moi próxima a outras moi coñecidas como Lóngara e As Catedrais, destaca por ter unha extensión ideal para pasear, recunchos máxicos en forma de rochas e covas e tamén por unha area branca e fina. É visitada por moitos turistas da capital do Estado, así coma por familias da zona de Lugo e do norte de España.

Fuente: TVG

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here