"Aquí Hai Praia" descubrirá esta semana os areais de Baltar, Cabío e Xilloi

0
4

Santiago, 10.09.2017.-    Achégase o final do verán, pero tanto veraneantes coma amantes da praia  aproveitan ata o último momento para poder gozar dos areais galegos. “Aquí Hai Praia” (00.55 h.) visitará esta semana tres praias con moita historia, moito turismo nos arredores e infinidade de actividades.

Unha delas é a praia de Baltar, en Portonovo, separada da praia de Silgar pola Punta do Vicaño. De area branca e fina, ventosa e con augas tranquilas, é idónea para o baño e os deportes náuticos. En Baltar pódense atopar locais de ocio, restauración e festa nocturna ao longo do paseo, xunto con actividades estivais, así como a oferta gastronómica dos restaurantes sobre rodas, as feiras e postos de artesanía e moitos veraneantes que gozan dos últimos días do cámping. Os espectadores verán nesta praia rapaces que celebran unha despedida de solteiro, moitos paseantes que camiñan pola beira, actividades naúticas e por suposto, un recuncho ideal para a lectura.

Na zona da Barbanza, na provincia da Coruña, o espazo da TVG descubrirá a praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal. O seu nome real é a praia da Lombiña e é a máis coñecida e concorrida do concello. En forma de enseada, con base de area de cor branca e protexida, ten unha zona arborada, un piñeiral que abraza a area, que é un dos principais atractivos desta praia, pois permite pasar todo o día nel refuxiándose do sol nas horas que máis aperta. Nesta praia familiar, en que moitos pasan todo o verán moitos que veñen desde Asturias, o País Vasco, Cataluña e outros lugares de España, non faltan actividades naúticas como o kaiak e o paddle surf, así como pescadores que van á centola, á nécora e ao camarón.

Por último, na Mariña lucense, “Aquí Hai Praia” visitará o areal de Xilloi, no concello do Vicedo, unha praia de case un quilómetro de lonxitude e de augas tranquilas, que goza de alta ocupación na temporada estival e que conta cun paseo marítimo. Desde a chegada pola estrada á praia, pódese contemplar unha auga cor turquesa e cristalina, propia do mesmísimo Caribe. Xilloi recibe visitantes principalmente de Madrid, que descobren este pequeno paraíso nun concello que case non supera o millar de habitantes. Ideal para os nenos, esta praia de area limpa e branca é tamén perfecta para practicar mergullo e snorkeling.

Fuente: TVG

Compartir