Arrinca a temporada de fútbol esta fin de semana na "Liga das Cidades" e no "Galicia en Goles" dos medios públicos

0
12

Santiago, 18.08.2017.- O fútbol galego volve esta fin de semana os medios públicos galegos. Co comezo da temporada ligueira 2017-18, “A Liga das Cidades” retoma a súa actividade na tvG2 e na web da CRTVG para achegar os partidos máis destacados da 2ªB  e da Terceira División. Pola súa parte, o “Galicia en Goles” da Radio Galega regresa con máis forza ca nunca, xa que amplía a súa programación, cunha edición matinal na xornada dominical (12.00- 14.00 h.), para ofrecer os principais partidos tanto na División de Honra coma en categorías inferiores.

Nesta primeira xornada futboleira, a web da CRTVG e a Radio Galega estarán presentes o sábado, ás 18.00 horas, no Cerceda- Navalcarnero, pertencente á Segunda División B. Ás 20.00 horas, tamén a través da tvG2 e en directo, poderase seguir o debut esta temporada do Rácing de Ferrol fronte ao Coruxo.

O domingo, o fútbol recuperará o protagonismo en “A Liga das Cidades”, ás 18.30 horas, coa transmisión do Rápido de Bouzas-Guijuelo, nos medios públicos galegos (tvG2, Radio Galega e web). O programa “En Xogo” regresa tamén, ás 22.40 horas, para ofrecer unha completa análise, cos goles e os mellores momentos vividos nos estadios de fútbol cada xornada.

A Radio Galega, desde o sábado coa Liga

Esta fin de semana, e ante a anarquía de horarios na Liga de Fútbol Profesional, o programa que dirixe Xoán Galán comezará ás 17.00 horas. O sábado, o “Galicia en Goles” prolongarase ata as once da noite con motivo da transmisión do Celta- Real Sociedade desde Balaídos. A maiores, nesta xornada ofrecerase tamén o Arousa- Ourense, de Terceira División.

O domingo, ás 12.00 horas, a emisora pública galega estrea a edición de mediodía co derbi do sur, entre o Celta B e o Pontevedra. A partir das 17.00 horas, comezará de novo o “Galicia en Goles” para narrar, entre outros, o Deportivo- Real Madrid. Amais, na 2ªB darase conta do Fuenlabrada- Fabril, xunto a nove encontros de Terceira División.

A temporada pasada, o espazo deportivo “Galicia en Goles” da Radio Galega acadou cifras históricas de audiencia, sendo líder durante catro horas consecutivas, entre as 16.00 e as 20.00 horas, na tarde dos domingos.

Desde este sábado, os oíntes da emisora pública poderán participar directamente no programa, a través do Whatsapp no número 616 21 64 75.  

A XL Bandeira de Zarautz, na tvG2 e na web da CRTVG

As máximas competicións de traiñeiras, a Liga Euskotren e a Liga Eusko Label, disputaranse, en directo, tanto o sábado (18.00 h.) coma o domingo (12.00 h.), na corenta edición da Bandeira de Zarautz, triunfos de moita estima para todas as embarcacións.

Na proba masculina, a vitoria a pasada fin de semana dos biscaíños de Urdaibai fortalece en gran medida o seu liderado ante a guipuscoana Hondarribia, á que avantaxa en 5 puntos na clasificación xeral. Nesta regata xogaron un bo papel as galegas Tirán e Ares, mentres que Cabo chegou a meta moi descolgada, o que segue a situala nunha penúltima posición, moi preto do descenso á Liga ARC.

Fuente: TVG

Compartir