Ás portas do comezo da temporada do cocido, "A Revista" visita unha cooperativa de Tordoia dedicada ao cultivo do grelo

0
9

Santiago, 11.01.2018.- Remata a etapa de doces de Nadal, cos tradicionais roscóns de Reis, e comeza o protagonismo dos grelos, xa que en nada empeza a temporada do cocido. Co cometido de coñecer as propiedades e os tipos da hortaliza que máis se identifica con Galicia, “A Revista” (12.20 h.) estará hoxe en directo en Tordoia nunha cooperativa de 35 mulleres, que se dedican ao seu cultivo.

Amais, o espazo dirixirase cara a Vilalba para coñecer as características do mellor queixo de España, o que elabora a queixería Don Crisanto, incluído na Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa. Escollido nunha cata a cegas, foi o produto que obtivo a mellor puntuación organoléptica do certame Premio Especial Alimentos de España, organizado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Esta mesma empresa recibiu, amais, o galardón ao mellor queixo madurado de vaca.

Xa no estudio do magazine, Sevi Martínez conversará con Inés Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio, con motivo da publicación da Guía de cores e materiais de Galicia, que recolle as cores tradicionais das vivendas galegas e coa que se pretende dar un paso máis na eliminación do feísmo nas construcións galegas.

O colaborador e experto en cinema, Moncho Lemos, adiantará como é habitual as estreas máis salientables que ofrecerán as carteleiras galegas desde mañá.

Fuente: TVG

Compartir