Chega á TVG "Tesouros no Faiado", que buscará tesouros esquecidos nos rochos e palleiras

0
15

Santiago, 05.08.2017.- Os faiados, os rochos e as palleiras agochan tesouros esquecidos que ás veces ata os seus propietarios descoñecen. “Tesouros no Faiado” (15.30 h.), o programa que a TVG estrea este sábado, amosaralle ao público o descubrimento, o valor e a transformación de obxectos que deixan de ser un refugallo para cobrar a importancia que merecen.

Este novo espazo tamén coñecerá as historias dos auténticos buscadores de tesouros en Galicia, que taxan, mercan, restauran e coñecen o valor e o pasado dos obxectos para contar a historia de Galicia peza por peza.

No programa de hoxe, “Tesouros no Faiado” taxará obras de arte con Ana Castro, encargada nesta edición de avaliar unha impresionante herdanza familiar. Os restauradores tamén terán cabida neste primeiro capítulo. Para iso, trasladarase ata un dos epicentros galegos do mundo das antigüidades, Sarria, desde onde Carmen e Manolo amosarán as súas habilidades intentando devolverlle a vida un vello carro de vacas, que significou moito para unha familia. Ademais, o cazatesouros Luís Varela, anticuario con máis de 40 anos de profesión, abrirase camiño entre os milleiros de obxectos gardados nun faiado na Praza de María Pita da Coruña. Un edificio do século XIX en que aparecerán obxectos incribles e incluso pezas de arte.

“Tesouros no Faiado” fala de obxectos antigos, pero sobre todo de persoas e de sentimentos, xerados pola enorme riqueza cultural da historia dos obxectos en Galicia.

Fuente: TVG

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here