Comandados por Carlos G. Verdugo, chegan os "Lambóns Dixitais" á Radio Galega ávidos polas novas tendencias

0
3

Santiago, 08.09.2017.- Tres apaixonados pola innovación e o mundo virtual serán desde este sábado, ás 12.00 horas, os encargados de entreter os oíntes coas tecnoloxías a través das ondas. Comandados polo televisivo Carlos G. Verdugo, Marcus Fernández e Daniel Portela proporán na Radio Galega un dinámico e variado receitario relacionado co sector. Ao longo dunha hora á semana, este equipo de “Lambóns Dixitais” conseguirán que a audiencia quede ávida de máis curiosidades, consellos e tendencias tras cada emisión.

Nun ton distendido e cunha linguaxe afín, “Lambóns Dixitais” é un programa dirixido a toda a familia, desde as persoas pouco habituadas a convivir cos últimos avances do mercado como para aquelas máis novas, que se sentirán implicadas de maneira natural, xa que naceron nun medio tecnolóxico.

Para abrir orellas, o espazo conterá un apartado sobre as novas neste eido na sección Noticias de Tecnoloxía. Sensibilizados sobre as necesidades específicas que poden ter os distintos colectivos e coa axuda que poden reportar os adiantos neste campo, en Tecnoloxía Inclusiva daranse a coñecer produtos e servizos que favorecen, amais, a accesibilidade universal. Na estrea do programa falarase do uso da wii nun xeriátrico de Noia.

Cada semana, en Banda Ancha conversarase cunha persoa destacada no mundo dixital. Nesta ocasión, o produtor e enxeñeiro musical boirense Steven Rebollido, gañador de varios premios Golden Reel Award e Emmy e responsable da serie de animación Peg+Cat, achegará a súa recoñecida experiencia, forxada en Nova York, que o converteu nun dos homes máis prestixiosos do audiovisual internacional. As novas máis destacadas sobre Tecnoloxía Galega tamén terán cabida en “Lambóns Dixitais”. Este sábado falarase do sistema para a compra online, que desenvolveu a empresa Eroski e que está dispoñible nunha serie de supermercados da firma.

A curiosa ollada aos inicios do sector, en Vellas Novas Tecnoloxías, desvelará peculiaridades, como as que contarán na súa primeira edición sobre o arranque empresarial en sectores dispares de multinacionais sobranceiras en tecnoloxía na actualidade.

Facianas coñecidas polos seguidores dos medios públicos galegos, como a actriz Isabel Naveira que estará na estrea de “Lambóns Dixitais”, revelarán en Famosiños Tecnolóxicos como integran a tecnoloxía na súa vida cotiá.

Haberá un oco destacado para as tendencias en Vídeoxogos, para o que se contará coa colaboración do experto Pablo Grandío, e os máis nostálxicos poderán tamén lembrar os comezos do xogo electrónico, en Xogos Reservados.

En Tecnoeducación, o espazo achegarase á aplicación da innovación nos centros de ensino. En concreto, este sábado acometerase a implantación da robótica como materia educativa no Centro Público Plurilingüe Integrado dos Dices, no municipio de Rois, todo un referente mundial nesta materia.

A variada proposta de contidos complétase con Falcatruadas, sobre trucos tecnolóxicos; Chamada chorra ao xefe, en que participará a responsable de programas da emisora pública, Tania Fernández Lombao, e Consellos da Internet.

“Lambóns Dixitais” estará presente, ademais, noutros formatos audiovisuais nos seus respectivos perfís en Facebook e en Instagram, así como na web da CRTVG.

Fuente: TVG

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here