Despois do achado de roupas ensanguentadas, Muñiz é o principal sospeitoso en "O Sabor das Margaridas"

0
0

Santiago, 10.10.2018.-  No capítulo desta noite de “O Sabor das Margaridas” (22.15 h.), tras o achado de roupas ensanguentadas na vella fábrica, os rumores esténdense por Murias a toda velocidade. Muñiz é o principal sospeitoso e está en paradoiro descoñecido. Rosa pensa que a roupa pertence a mulleres asasinadas e está convencida de que a desaparición de Marta Labrada está relacionada coas prendas, pero unha primeira análise de criminalística amosa que as roupas levaban anos na maleta. Ademais, os investigadores atopan uns disfraces, polo que pensan que poden estar enfrontándose a un posible asasino en serie fetichista e con parafilias.

Pola súa parte, Muñiz preséntase no cuartel declarándose culpable do asasinato de Marta. O home explica que a matou e enterrou o corpo, pero desenténdese das roupas atopadas na vella fábrica. Mauro quere pechar o caso, pero Rosa e Alberte non cren o testemuño e están seguros de que Muñiz lles está ocultando algo. Un segundo informe de criminalística fai dubidar os investigadores cando se determina que a bala atopada no coche de Marta Labrada saíu da pistola de Muñiz.

Ante as dúbidas, a tenente Vargas salta o perímetro policial para inspeccionar o taller de Muñiz, onde sabe que ten un cancro e está morrendo. Tamén descobre que lle foi ingresada unha enorme cantidade de cartos, polo que pensa que alguén o comprou para que cargase cun crime que non cometeu.

O informe das contas bancarias de Marta Labrada amosa que a rapaza recibira varios ingresos de 3.000 euros, polo que Rosa pensa que a persoa que comprou a Muñiz pode ser a mesma que lle pagou eses cartos a Marta. Tras descubrir que mantiña unha relación coa desaparecida, Rosa interroga a Brais e fala tamén con Bernabé, por quen descobre que había xente na vila que lle quería facer mal a Marta.

O seguinte paso da tenente da Garda Civil será ir ao prostíbulo e intentar sacarlle información a Pamela, que, a pesar das súas reticencias iniciais, acaba contándolle a súa historia e confesándolle que o home ao que lle gustaba deitarse con rapazas vestidas de colexiala é Miguel, o xefe de estudos e titor de Rebeca, que pasa a ser o principal sospeitoso.

Fuente: TVG

Compartir