Devoción, historias mariñeiras e moita festa no "Aquí Galicia" desta semana, que estará en directo no Carme de Moaña

0
0

Santiago, 14.07.2018.-    O espazo “Aquí Galicia” (16.20 h.) desprázase esta tarde en directo á localidade pontevedresa de Moaña, inmersa nas súas Festas do Carme, patroa dos mariñeiros a celebración máis importante do ano. Os reporteiros do programa asistirán aos preparativos dos barcos para a procesión marítima do Carme e subirán a un deles.

Xa que estamos no seu día, os espectadores coñecerán diferentes historias de mariñeiros e as aventuras por eles vividas. Nas longas ausencias dos mariñeiros, son as mulleres as que levan integramente a vida familiar e todas as responsabilidades. Elas tamén contarán a súa historia de esforzo e coraxe.

“Aquí Galicia” aproveitará a súa presenza en Moaña para percorrer algúns dos lugares máis turísticos do concello, coma as mámoas de Chan de Arquiña, o Museo das Carreiras, o pazo do Rosal ou a igrexa de San Martiño. Moaña ten espazos de indubidable beleza natural coma o río da Fraga, o miradoiro do mesmo nome ou o Monte Faro de Domaio, lugares onde tamén estará o programa. E non podía faltar unha visita ás numerosas e espectaculares praias da zona.

No apartado gastronómico, o espazo da TVG presentado por Lucía Rodríguez contará cunha mesa representativa dos produtos do mar. Ademais, amosaranse os doces típicos que se elaboran por estas Festas do Carme, coma os roscóns, os bandullos ou a empanada de mazá.

Finalmente, “Aquí Galicia” ofrecerá as actuacións da orquestra Televisión, de José Costas e a orquestra Bahía e da Asociación Cultural e Folclórica A Solaina. Ademais, haberá bailes deportivos e de salón e ofrecerase unha exhibición de taekwondo.

Fuente: TVG

Compartir