Fin de semana de fútbol e baloncesto na Radio Galega, cos partidos do Breogán e do Obradoiro e dos tres equipos galegos de fútbol

0
0

Santiago, 05.10.2018.- A Radio Galega inicia o sábado ás tres da tarde a programación deportiva da fin de semana. Os primeiros partidos do día xogaranse na Terceira División Galega, co Bergantiños – Vilalbés e o Silva – UD Ourense como encontros de máis  interese. Logo chegará a cita destacada da ACB, o Tenerife – Obradoiro desde o pavillón Santiago Martín coa narración de Alfonso Pardo.  O Obradoiro comezou a tempada de xeito inmellorable, con dúas vitorias en dous partidos. O fútbol sala tamén terá protagonismo co Parrulo – Santa Coloma da Liga masculina e o Poio – Palau da categoría feminina.

Ás 23.00 horas,  o deporte continuará coa revista do motor “Gas a fondo”, mentres ás once e media Toni López entrevistará no “Galicia en Toquio” o primeiro galego clasificado para os Xogos do 2020, Juan Antonio Saavedra, na disciplina de tiro olímpico. Ao seu carón estará Óscar Montes, xogador de waterpolo nas categorías inferiores da selección española.

O domingo, ás doce, a edición matinal xirará arredor do Gran Canaria – Breogán, da Liga ACB de baloncesto, coa narración de Raúl Villares desde o Gran Canaria Arena. Os  lucenses buscarán a primeira vitoria nesta nova etapa. Ademais, dúas citas co fútbol de Segunda B: Celta B – As Palmas Atlético e Fuenlabrada – Pontevedra.

A partir das tres, o programa contará cun amplo despregamento nos partidos dos equipos galegos da Liga de Fútbol Profesional. Roberto Carlos Carballo desprázase ata o Sánchez Pizjuán para retransmitir o Sevilla – Celta; Javi Torres desde Riazor contará o Deportivo – Málaga; e ata o Martínez Valero de Elxe viaxa Andrés Vieites para contar o encontro do Lugo ante o cadro ilicitano.

Tamén haberá competición na Segunda B co Ponferradina – Bouzas, Burgos – Coruxo e Guijuelo – Fabril, ademais de oito partidos na Terceira e o Granada – Ourense de baloncesto.

Desde as oito e media, os expertos Xulián Suárez Fuentes, Peli Cantoná e Alejandro Reza sentarán nos estudios de San Marcos para debater no Faladoiro sobre os resultados dos nosos e da polémica do VAR na Primeira División.

Ás once da noite, Pedro Pablo Alonso iniciará a semana xogando ao seu estilo, “Ao Contraataque”, coa análise dos xornalistas César Méndez e David Moldes ata a medianoite.

Fuente: TVG

Compartir