“Galicia por Diante” acompaña durante unha xornada un camioneiro de rutas longas para coñecer a fondo o dificultoso do seu traballo

0
1

Santiago, 13.09.2017.- Entre os variados contidos que a Radio Galega ofrecerá ao longo desta xornada a través das ondas, destacan a singularidade da viaxe que un reporteiro compartiu durante un día cun camioneiro de distancias longas, a problemática do tráfico e do consumo droga na actualidade e o recoñecemento por parte da Guía Repsol dun restaurante situado no concello de Sober.

En relación coas últimas noticias procedentes das empresas galegas de transporte de mercancías que están atopando problemas para contratar man de obra que cubra as rutas de longa distancia, o magazine matinal “Galicia por Diante” (06.00-12.00 h.), que presenta Kiko Novoa, quererá coñecer de primeira man que hai de certo nesta polémica e como transcorre unha xornada laboral para estes condutores.

Para iso, o reporteiro do programa Raúl Villares acompañará un camioneiro para saber como de complexo é pasar un día de traballo na estrada e fóra da casa, así como para interesarse polas claves do déficit de choferes para realizar estes percorridos longos.

“Aquí Galicia”, coa problemática da droga

Xusto L. Carril abranguerá este mércores, desde as 13.00 horas, a problemática actual do tráfico e do consumo de droga en Galicia. Para iso, o presentador de “Aquí Galicia” conversará na Radio Galega co xefe da Dependencia Rexional de Aduanas en Galicia, Jaime Gallá, e co xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso.

“A Tarde” felicita o ‘Merenzao’

O magazine “A Tarde”, que presenta e dirixe Cristina García, cada día de 16.00 a 20.00 h., trasladará a atención dos oíntes cara ao concello de Sober, onde o restaurante Merenzao, situado xunto ao santuario de Cadeiras, acaba de ser incorporado á Guía Repsol. O recoñecemento a este establecemento da Ribeira Sacra é tamén a máis rural de todas as propostas, xa que se atopa no concello con menos habitantes de cantos aparecen nesta prestixiosa lista no noso país, entre os máis dun cento que se inclúen en Galicia.

A guía destaca, sobre todo, a calidade das súas carnes e das súas sobremesas. Recoñece así o labor dos produtores locais que provén a súa cociña.

Na foto superior, Kiko Novoa, presentador do “Galicia por Diante”.

Fuente: TVG

Compartir