Gran final do programa "Feirantes", que hoxe decidirá o nome da mellor polbeira de Galicia

0
6

Santiago, 10.09.2017.-    Durante estas seis semanas, 18 concursantes pasaron polo estudio de gravación de “Feirantes” (23.20 h.) e loitaron arreo para chegar ata a gran final, pero só tres o conseguiron. As concursantes que acadaron máis puntuación e polo tanto disputarán este domingo a gran final son Maruxa, Mari Luz e Sonia. Nesta ocasión non estarán os mestres polbeiros e serán as concursantes, sen ningún tipo de axuda, as que deberán de preparar o mellor polbo á feira.

Grande emoción promete esta final, en que se coñecerá a mellor polbeira da edición de 2017 de “Feirantes”, que levará como agasallo un trofeo e unha fin de semana para dúas persoas nun parador da rede de Paradores de Turismo. O xurado estará composto polo cociñeiro Luís Veira, Clara López, experta polbeira con máis de 40 anos de experiencia, e Xulio Xiz, xornalista e escritor, organizador das festas do San Froilán durante anos e un apaixonado do polbo.

Non faltará a esta cita Linolio coa súa polboneta, que seguirá enredando os concursantes e estará acompañado polo humorista Pablo Meixe. A maxia nesta última edición de “Feirantes” correrá a cargo do mago Romarís.

Por outro lado, o programa visitará a feira de Chantada, no sur da provincia de Lugo, que se celebra os días 5 e 21 de cada mes. O espazo da TVG estará no mercado gandeiro, nos diferentes postos de froitas e verduras e rematará nos postos de polbo falando cos comensais e, como non podía ser doutro xeito, catando unha boa ración de polbo á feira.

Nesta gran final de “Feirantes” o chef convidado será Luís Veira, do restaurante “Árbore de Veira” da Coruña, que deleitará os espectadores cun prato de polbo con xugo de pementos queimados.

Como é habitual, a música correrá a cargo do grupo de folk Brath, que nesta ocasión interpretará o tema “Feira de San Froilán”, unha homenaxe ao prato máis típico das festas patronais de Lugo, con música dun dos temas máis recoñecidos da música celta, versionado por artistas internacionais e con letra composta por Eloi Caldeiro. Tamén estará no escenario de “Feirantes” o Grupo Limón, que este ano conta con novas incorporacións no seu equipo e que veñen dando guerra.

Fuente: TVG

Compartir