Lagarto Amarillo, Enrique do Rosario e Xabier Díaz poñen a música no "Bamboleo" deste sábado

0
6

Santiago, 05.08.2017.-   O programa “Bamboleo” (22.25 h.) recibirá esta noite a visita de Lagarto Amarillo. Despois de tres anos de silencio, o vocalista da banda, Pablo Mora, decidiu regresar en solitario co mesmo nome do grupo que fundou xunto aos seus irmáns Patricia e José María, este último falecido. Lagarto Amarillo presentará o seu novo sinxelo, “Perdón & Amén”, do novo disco “Campeón”, dedicado ao seu irmán.

O presentador Xosé Manuel Piñeiro tamén estará acompañado hoxe da orquestra Costa Dorada e de varios artistas galegos, como o coruñés Enrique do Rosario, que interpretará o seu éxito “Muévete”, e de Xabier Díaz, que formou parte de Rumbadeira, Nova Galega de Danza e Berrogüeto e que na actualidade compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional de Galicia.

Ademais, “Bamboleo” contará hoxe, coma cada sábado, coas súas seccións habituais. En “Agora ou Nunca”, dous participantes, Natalia Taboada e Cristina Gesto, amosarán os seus dotes artísticos. A primeira, interpretando “El universos obre mi”, de Amaral, e, a segunda, con “Diamonds”, de Rihanna. En a “ITV do amor”, o obxectivo será  acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa.

“Déixate de juasá!” animará a Moncho e Mario a prescindir de trebellos tecnolóxicos e a dicir as cousas á cara; “A Jrileira” enfrontará ao karaoke a dous concursantes: Benilde e Nera, que terán que cantar “Barbie de extrarradio”, de Melendi, e en “Dirtidansi” distintas parellas bailarán, entre outros estilos, bachata e chachachá.

Fuente: TVG

Compartir