"Luar" contará esta noite coa delicada voz de Rosa Cedrón e coa impactante proposta escénica de Los Vivancos

0
0

Santiago, 12.01.2018.-  O programa “Luar” (22.00 horas) ofrecerá esta noite unha completa e variada oferta musical, encabezada pola cantante, violonchelista e compositora monfortina Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego. Esta artista, fortemente vinculada coa música galega e cunha sólida carreira ás súas costas, comezou no grupo Luar na Lubre e agora continúa en solitario, cun segundo disco no mercado, titulado “Nada que perder”.

O espazo da TVG tamén recibirá esta noite a visita de Los Vivancos, compañía formada por sete irmáns e considerada o fenómeno escénico-musical dos últimos anos. Os seus espectáculos foron representados nos principais teatros do mundo e o recoñecemento ao seu labor viuse avalado non só pola crítica e o éxito das súas xiras, senón tamén polos numerosos premios recibidos.

Ademais, no escenario estarán a banda galega Igloo, con 12 anos de traxectoria e 6 discos ás súas, costas, recoñecida como un dos referentes do indie nacional, que acaba de presentar o seu novo disco, “Aquellos maravillosos daños”; e Máis Boas cás Patacas, grupo formado por sete alumnas do IES Cacheiras, que co tema “Son muller”, gañador do certame da Deputación da Coruña “Quero Cantar”, reivindican os dereitos e a igualdade para as mulleres.

Pero isto non é todo, xa que “Luar” ofrecerá as actuacións de El Regreso de la Década, que recolle o mellor da música española desde os anos 60 ata os 70; da orquestra La Fórmula; da A.C. Seixebra de Moraña, que ten como obxectivo revivir a cultura e a tradición galega, e a A.C. Amado Lar, que se preocupa por recuperar as tradicións propias da cultura popular galega, en especial as pertencentes á zona do Valadouro.

No programa desta noite tamén haberá representación da música asturiana, coa banda Gaiteros del Carbón, que pretende defender a minería desde a música, e a cantante Marisa Valle; e portuguesa, coa presenza do grupo de Viana do Castelo Sons do Minho, formado por oito mozos que basean a súa proposta artística nun repertorio de temas orixinais de cariz tradicional e popular.

No tempo do concurso “Recantos”, será a quenda de Lucía Aral, procedente de Ourense Sur, e Leshka, representante da comarca Terras de Lugo.

Fuente: TVG

Compartir