"Luar" ofrece esta noite as actuacións das cantantes Natalia e Rosa Cedrón, da orquestra folk Sondeseu e do histórico grupo de rock Los Sírex

0
0

Santiago, 09.11.2018.-     O programa “Luar” convida esta noite a subir ao seu escenario a Natalia, a menor daquela dourada primeira xeración de “Operación Triunfo”. A cantante, compositora e presentadora de televisión presentaralles aos espectadores galegos temas do seu novo disco,  “Un poco de mí”, de estilo pop e tropical house.

Tamén esta convidada ao “Luar” deste venres cantante, violonchelista e compositora monfortina Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego. Esta artista, fortemente vinculada coa música galega e cunha sólida carreira ás súas costas, comezou no grupo Luar na Lubre e agora continúa en solitario, cun segundo disco no mercado, titulado “Nada que perder”.

Sondeseu, a primeira orquestra de música folk de Galicia, dirixida por Rodrigo Romaní, tamén terá un espazo esta noite. Os temas do conxunto, formado por máis de cincuenta músicos, recobran a tradición oral e permiten apreciar a versatilidade de gaitas, zanfonas, requintos e frautas.

Ademais, o espazo da TVG ofrecerá a actuación de Los Sírex, unha das grandes bandas históricas do rock español, ídolos dos 60, con grandes temas como “La escoba” ou “Que se mueran los feos”.

A proposta musical deste venres complétase con Daniel Pereira Band, a Banda de Música de Salvaterra do Miño, o grupo de música tradicional Airiños da Peneda, as Pandeireteiras de Verducido, a A.F. O Fiadeiro e Los Satélites,  unha das orquestras con máis historia e tradición de Galicia.

Finalmente, no tempo de “Recantos”, na última rolda antes de que comecen as eliminacións, enfrontaranse Nere Blanco, procedente da Terra Chá, e Pachi Axeitos, representante da comarca Terras de Ordes.

Fuente: TVG

Compartir