María Solar regresa este sábado á Radio Galega "Chamando á terra" os oíntes e amantes da literatura

0
5

Santiago, 09.09.2017.-   A xornalista e escritora María Solar volve este sábado á Radio Galega cun espazo sobre o mundo literario galego. Como un ser que intenta establecer conexión con outra galaxia, “Chamando á terra” buscará semanalmente atraer ata as ondas da Radio Galega, polo espazo dunha hora, o interese dos oíntes e de lectores insaciables de historias e mundos imaxinarios e creados nas páxinas dos libros.

“Chamando á Terra” preséntase, ás 15.00 horas, como un programa de libros en galego, que vén cubrir unha necesidade específica que había na emisora pública, para falar das historias dos libros, desde os máis recentes ata obras recomendables de calquera época. Nesta nova proposta, haberá tempo para falar cos autores, estarán presentes todos os xéneros literarios, escoitaranse pílulas ou “cachiños” de exemplares e incluirase un apartado especial sobre literatura infantil e xuvenil.

Como colaboradoras fixas, María Solar contará coa participación de Montse Pena Presas, especialista en literatura infantil e xuvenil; Malores Villanueva, crítica que recomendará libros de narrativa, e a poeta Alba Cid, que falará sobre poesía.

“Chamando á terra” descubrirá na súa estrea o libro “Luns”, que acaba de saír hai dous días á rúa, e falará coa súa autora Eli Ríos. Precisamente, con esta novela gañou a primeira edición do Premio de Narrativa Torrente Ballester, que se convocou na modalidade de lingua galega. Cesáreo Sánchez Iglesias tamén estará no estudio da Radio Galega coa súa última obra “Tempo Transfigurado”, en que mestura poesía con referencias musicais.

No tempo de conversa con Malores Villanueva terá protagonismo o último libro de Berta Dávila, “O derradeiro libro de Emma Olsen”; Montse Pena fará unha lembranza da figura e obra de Agustín Fernández Paz, todo un referente da literatura infantil e xuvenil galega, finado hai un ano, e Eli Ríos achegará un “cachiño” sonoro de “Galería de Saldos”, de Diego Giráldez.

A televisiva María Solar, que dirixe e presenta desde hoxe “Chamando á Terra”, compatibilizará esta nova aposta co seu labor de presentadora en “A Revista Fin de Semana” da Televisión de Galicia.

“Mar de Ardora”

Co arranque da temporada e da nova programación, tamén se incorpora desde hoxe á grella da Radio Galega o espazo “Mar de Ardora” (sábado, 07.00 – 08.00 h.), centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relato de historias humanas, presentado por Xusto López Carril.

Fuente: TVG

Compartir