Marta Doviro buscará en "Feirantes", desde esta noite na TVG, a mellor polbeira/o do ano

0
17

Santiago, 04.08.2017.- Os venres á noite de agosto na Televisión de Galicia comezan coa diversión e entretemento de “Feirantes” (22.05 h.), programa presentado por Marta Doviro, que este verán buscará á/ao mellor polbeira/o de 2017.

Nesta segunda temporada, “Feirantes” terá so tres coachs, que asesorarán os concursantes durante os próximos seis programas (no sétimo, que é o que corresponde á final, non interveñen os coach). En cada edición intervirán tres aspirantes que, unha vez rematada a preparación do seu prato de polbo, obterán a valoración do xurado, que lles dará unha puntuación e esta se subirá á clasificación semanal.

Os coachs Mercedes Rodríguez de Pulpería Neira, Amador Porta de Polbeiría Porta da Estrada e Paco Gómez de Pulpería Á Feira, recibirán neste primeiro programa como concursantes a Manuel, procedente de Pontedeume; Carmen, de Cospeito, e Iván, do Carballiño.

Nesta nova etapa tamén mudará o xeito de escoller coach. Realizarase un sorteo coa axuda dun saquiño e un pano, a cor que lle toque será a do concursante co que fará equipo. Ademais, este verán contarase coa Polboneta, unha motocarro guiada por un polbeiro ambulante que anda polas feiras a enredar á xente e os polbeiros/as. Tito Rober é o encargado de darlle vida a Linolio, o polbeiro ambulante que cada semana coa súa Polboneta encherá de risas o estudio de gravación. Hoxe xunto a Linolio estará o versátil Pedro Brandariz.

No apartado de maxia, estará o Mago Marco, que abraiará os espectadores facendo que neve no estudio. A música de “Feirantes” destacará coas actuacións do grupo de música galega Brath, que presentará o seu novo disco, “Enxebre”. A orquestra que vai amenizar o programa será a pontevedresa La Oca Band, que cos seus sons de festa fará que os espectadores gocen do seu espectáculo.

E, para rematar, o chef convidado será Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña, en Pontevedra, que preparará un “Cebiche á galega”.

A puntuación do xurado aos concursantes será o momento de máis emoción, xa que deles dependerá que os participantes no concurso de polbeira/os poidan acadar unha boa puntuación para chegar á final e competir para ser o Mellor Polbeiro/a Feirante de 2017.

Fuente: TVG

Compartir