Nunha nova entrega de "Serramoura. Ano 0", a Marga acumúlaselle o traballo no cuartel e na súa vida persoal

0
0

Santiago, 14.10.2018.-    A Televisión de Galicia ofrecerá esta noite a segunda entrega de “Serramoura. Ano 0”, a precuela coa que os espectadores están a descubrir o pasado dos personaxes da serie.

Nesta ocasión, verán como a nova vida de Marga en Serramoura está sendo máis complicada do que ela agardaba. Nunha das carreiras ilegais que acontecen en Serramoura, un dos participantes morreu nun dos accidentes. Para evitar máis danos, Tomás sabe que a competicións deben rematar máis cedo que tarde e pídelle á sarxento Neira que faga todo o posible por deter os responsables.

Pero o traballo no cuartel acumúlase. O secuestro de Ponte acabou da peor forma posible. A aparición do seu corpo sen vida no monte deu un novo xiro ao caso e agora Marga e Casares teñen que atopar os secuestradores.
    
Mentres tanto, Marga tamén ten que sacar tempo para poñer orde na súa vida familiar. Despois do novo despedimento do serradoiro, Moncho está afundido e volve á taberna para esquecer as súas penas.

Obrigada polas circunstancias, Gloria aceptou o trato con Teresa: se ela consegue documentos confidenciais de Evaristo, non ten que preocuparse das débedas da súa nai. Pero Evaristo non tardará en coñecer o plan e actuar en consecuencia.

Fuente: TVG

Compartir