O “Aquí Galicia” estará este sábado en Valdoviño, terra do surf, onde amosará a Baixada de Carrilanas a San Mamede

0
0

Santiago, 11.08.2018.- O “Aquí Galicia” (16.30 h.) terá este sábado un claro sabor de verán, posto que o programa realizarase desde a praia de Valdoviño, en Ferrol. Co set situado en pleno areal, o espazo estará, en primeiro lugar, na 22 Baixada de Carrilanas a San Mamede. A TVG estará en directo nesta proba tradicional, puntuable para a Copa de España de Carrilanas.

Presentado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes, o “Aquí Galicia” de hoxe percorrerá o camiño a Santo Andrés de Teixido, que pasa polo concello de Valdoviño. Ademais desta ruta centenaria, tamén botará unha ollada á espectacular costa da vila ferrolá, que ten o miradoiro de Punta Frouxeira ou a ermida do Porto como puntos máis destacados.

Durante o programa, as paraxes naturais da zona serán uns dos grandes protagonistas. O espazo da TVG percorrerá algúns dos recunchos con máis sona de Valdoviño, entre os que destacan o encoro das Forcadas ou a lagoa de Pantín. Así mesmo, tamén se fará un repaso polas praias máis destacadas da contorna, entre as que se atopan a praia de Vilarrube ou a praia da Frouxeira.

Por outra banda, “Aquí Galicia” estará centrado no deporte, concretamente no surf, xa que Valdoviño é un paraíso para os amantes deste deporte. O programa fará un percorrido polo “Pantín Classic” e polo Océano surf museo, o único museo dedicado ao surf en toda España.

Entre as propostas musicais, que amenizarán esta edición, atópase a orquestra canaria Armonía Show e as Cantareiras. Tamén haberá tempo para a danza co grupo de baile moderno da Asociación Veciños de Lago e co dúo MDS, unha das parellas de baile acrobático e de estilos urbanos máis importantes de toda Europa.

Fuente: TVG

Compartir