O "Aquí Galicia" ole a mar, inmerso na Festa do Marisco do Grove

0
0

Santiago, 06.10.2018.-    Co dado que é a amosar os grandes eventos da nosa terra, o “Aquí Galicia” non se podería perder esta fin de semana a celebración da 55 edición da Festa do Marisco do Grove, unha cita gastronómica que se basea nos piares básicos da súa economía: o turismo e a pesca.

Desde a praza do Corgo, o espazo que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña realizará un percorrido pola historia dunha das celebracións gastronómicas galegas máis senlleiras. Desde esta vila que vive mirando cara ao mar, o programa conversará con mariñeiros, pescadores e mariscadoras, asistirá a unha poxa na lonxa e presenciará outras actividades relacionadas co mundo do mar.

Coma unha das capitais turísticas de Galicia, o programa visitará a súa illa da Toxa, onde se localizan dous hoteis balnearios de grande tradición. Tamén visitará algunhas xoias da zona, como a súa rede de esculturas, a vila vella ou as rutas históricas que van unidas a persoeiros ilustres que viviron nesta vila. Máis enleado co mundo do mar, “Aquí Galicia” interesarase por coñecer o Museo da Salga e o acuario. Da súa contorna, percorrerá emprazamentos naturais como o Miradoiro da Siradella, a ruta de sendeirismo de Adro Vello ou praias como a de Con Negro.

De volta a esta festa tan concorrida, “Aquí Galicia” asistirá a algunhas das demostracións gastronómicas que se desenvolven nas súas instalacións e, de sobremesa, degustaranse algúns dos mellores doces que se poden saborear no Grove. Os espectadores poderán ver a realización de receitas e preparacións innovadoras co marisco como ingrediente principal.

No transcurso do espazo contarase coa presenza de Montse Betanzos, unha artesá local que descubrirá os segredos dos famosos colares de cunchas que se elaboran tanto no Grove como na illa da Toxa.

Completan os contidos desta edición as variadas propostas musicais que ofrecerán a orquestra Los Trovadores, a formación Os Firrás, o dúo Otero & Romero, que presentará o seu disco ‘Enxebre’, a escola de baile moderno da agrupación Cantodorxo e o grupo de baile tradicional Paradanda-Mecos.

Fuente: TVG

Compartir