O Deportivo Fabril, o Rápido de Bouzas e o Rácing de Ferrol xogan esta fin de semana nos medios públicos

0
0

Santiago, 13.10.2017.- O deporte volve con forza esta fin de semana aos medios públicos. En concreto, o fútbol galego, de 2ªB e en directo, terá un oco destacado na programación deportiva, que tamén transmitirá destacadas citas de balonmán feminino e de baloncesto.

As transmisións comezan o sábado, ás 18.00 horas, co partido que disputará o Rácing de Ferrol, situado na metade da táboa, contra o Unión Adarve. A continuación, ás 20.00 horas, a Guarda volverá acoller unha nova eliminatoria da competición continental Copa EHF, en que o Mecalia se enfrontará ao ruso Astrakhanochka Astrakhan.

O domingo, ás 12.15 horas, o interese da tvG2 e da web da CRTVG dirixirase cara ao estadio Salto del Caballo con motivo do partido entre o Toledo e o Rápido de Bouzas. Xa pola tarde, no tempo de “A Liga das Cidades”, a partir das 17.00 horas, o Deportivo Fabril, á cabeza da clasificación, enfrontarase ao Talavera, actualmente en postos de cola.

Tamén o domingo, ás 19.00 horas, os amantes do baloncesto non poderán perderse un novo derbi galego acabada de empezar a temporada, correspondente a LEB Ouro, entre o Río Ourense Termal e o Leyma Coruña.

Radio Galega

A Radio Galega inicia as retransmisións deportivas o sábado, ás 16.00 horas. Os partidos de Segunda B Valladolid B-Cerceda e Rácing de Ferrol-Adarve centrarán as primeiras horas da emisión, para continuar logo co balonmán. O Cangas recibe no Gatañal ao Cuenca na Liga Asobal, mentres o Guardés inicia a Copa EHF co primeiro encontro na Sangriña.

O domingo, desde as 11.45 h., a atención da xornada estará posta en Ipurua, co Eibar-Deportivo. Ademais, os oíntes poderán seguir a Segunda B, cos encontros Toledo-Bouzas e Majadahonda-Pontevedra. Ás 16.00 horas, a xornada da tarde terá como protagonista o fútbol de Segunda B co Fuenlabrada-Celta B e o Coruxo-Guijuelo, xunto a toda a xornada da Terceira. Tamén haberá balonmán, coa volta do Guardés na Copa EHF, e baloncesto. O Obradoiro visita o Barça no Palau, mentres Ourense e Leyma Coruña disputan o derbi galego da LEB Ouro.

A xornada prolongarase ata o luns, xa que ás 20.30 horas haberá unha edición especial do “Galicia en Goles” coa retransmisión dos partidos Las Palmas-Celta, de Primeira, e Alcorcón-Lugo, de Segunda División A.

Fuente: TVG

Compartir