O grupo Lagarto Amarillo e a cantante Lucía Pérez presentan o seu novo disco en "Bamboleo"

0
0

Santiago, 14.07.2018.- O programa “Bamboleo” (22.05 h.) recibirá esta noite a visita de Lagarto Amarillo. Despois de tres anos de silencio, o vocalista da banda, Pablo Mora, decidiu regresar en solitario co mesmo nome do grupo que fundou xunto aos seus irmáns Patricia e José María, este último falecido. Lagarto Amarillo presentará o seu novo sinxelo, “Perdón & Amén”, do novo disco “Campeón”, dedicado ao seu irmán.

O programa da TVG presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén recibirá a visita da orquestra Los Trovadores e da cantante galega Lucía Pérez, que celebra 15 anos no mundo da música cun novo disco. Tras o éxito de “Quitapenas”, chega o seu sétimo álbum, titulado “Quince soles”, gravado integramente en galego e que contou coas colaboracións de Vizcaíno, Chenoa, Rosa Cedrón, Tonhito de Poi e Sito Sedes.

No escenario tamén estarán Eva Ferreira, interpretando “Tú y yo volvemos al amor”, de Mónica Naranjo, e Noel Rodríguez, co tema “Are you lonesome tonight?”, de Elvis Presley, competindo ambos os dous na sección “Agora ou Nunca”.

Coma sempre, “Bamboleo” ofrecerá tamén as seccións “A ITV do amor”, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; “A Jrileira”, onde Lucía e Vane se enfrontarán ao karaoke cantando “Yo contigo, tú conmigo”, de Morat e Álvaro Soler, e “Dirtidansi”, en que parellas de distintas xeracións bailarán hoxe chachachá e bachata.

Fuente: TVG

Compartir