O programa 'Labranza' da Televisión de Galicia chega este domingo aos 1.500 programas

0
0

Santiago, 11.01.2019.-  En marzo do 1991 chegaba ás pantallas da Televisión de Galicia un novo programa, ‘Labranza’, un espazo enfocado ao sector agrario creado por Anxo Vázquez. Cada domingo, durante 28 anos, o espazo foi testemuña da transformación do agro galego e contribuíu a espallar unha parte vital da identidade galega.

Este domingo celébrase unha efeméride moi especial, xa que ‘Labranza’ chega á súa emisión número 1.500. O programa, presentado por Manuel Cruz, é un dos máis antigos da TVG e mesmo supera o ‘Luar’, converténdose nun dos sinais de identidade da canle pública.

Antes de Labranza existía na TVG outro programa centrado no mundo do campo, que tiña por nome ‘A Terra’. Dende 1991 comezan as emisións de ‘Labranza’, que continúan ata hoxe. 1.500 domingos ilustrando a realidade do campo galego a todos os fogares da nosa comunidade.

Ao longo destes 1.500 programas, ‘Labranza’ fixo un percorrido pola situación do campo galego, amosando o modo de vida de milleiros de labregos e labregas, e facendo divulgación das técnicas e coñecementos para axudalos no seu labor diario. Ao longo destes anos o programa amosou os oficios e costumes da agricultura tradicional. Na actualidade, o programa mostra as últimas técnicas dos sectores produtivos ou a crecente industria alimentaria galega, así como o auxe da agricultura ecolóxica.

Fuente: TVG

Compartir