O tomate e o polo serán protagonistas este martes na cociña dos "Larpeiros"

0
0

Santiago, 09.10.2018.-    A conversa desta noite no programa “Larpeiros” xirará arredor do tomate, unha das cousas que lles temos que agradecer aos americanos, que se adaptou moi ben a Galicia. Hai moitas variedades e moi ricas, pero o importante dos tomates é que se cultiven con agarimo e que maduren ao sol porque despois nunca faltan cousas que facer con eles. A verdade é que dan para moito na cociña, desde poñelos nas ensaladas ou facer salsas ata preparar marmeladas con eles. Onde tamén quedan moi ricos é nos guisos, dándolles un punto moi rico e suave.

Benigno Campos ten hoxe unha receita coa que triunfar por todo o alto. Pensa preparar un polo con tomate ao estilo dos “Larpeiros”, un prato de toda a vida, pero co toque especial que lle van dar uns pementos chouriceiros, entre outras moitas cousas.

Pola súa parte, Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, irá nesta ocasión ata Vilanova de Arousa, onde, da man de Mariló, coñecerá galiñas, polos e galos da raza autóctona Galiña de Mos, uns animais que viven coma reis e que fan as delicias dos máis lambóns.

De volta na casa, a festa vai ser completa coa torta de queixo marmorada coa que Leni e a reposteira convidada, Gloria Mascuñana, agasallarán os seus compañeiros.

Fuente: TVG

Compartir