Os Play-Off de ascenso á Segunda División e Segunda B, pratos principal no deporte da CRTVG esta fin de semana

0
0

Santiago. 18.05.2018.- Tras o remate da temporada regular nas ligas de Segunda B e Terceira, chega o momento dos play-off, que marcarán  o ascenso de categoría ou  ben  as posibilidades de manterse na mesma. Pero antes do fútbol, os espectadores poderán gozar o sábado do balonmán feminino, co Atlético Guardés buscando facerse co campionato. O equipo pontevedrés enfróntase as 19.00 horas pola tvG2 ao Rincón Fertilidad Málaga. O  Guardés está empatado a puntos co Bera Bera á fronte da clasificación, e afrontan esta penúltima xornada co obxectivo da vitoria para lograr o título. As xogadoras acaban de ser recoñecidas como o mellor equipo galego na gala do pasado xoves.

Xa o domingo, o protagonismo completo  será para  os encontros de play-off dos equipos galegos. O primeiro encontro será o Celta B – Marbella, ás 12.00 horas na tvG2 e na web da CRTVG. O filial celeste afronta en Barreiro o primeiro partido no camiño para chegar á Segunda División. Tras o descenso do Deportivo, o Celta B é o único equipo galego con opcións de ascenso á categoría de prata. Ás 14.00 horas os espectadores da tvG2 poderán seguir o rally “Villa de Adega”.

E na xornada vespertina, a partir das 17.00 horas dá comezo na tvG2  a “Liga das Cidades”, que estará centrada no ascenso a Segunda B. En primeiro lugar poderase seguir o Alondras – Langreo. Ás 17.30 horas , o encontro principal entre o Compostela e o Espanyol B. Tras quedar campión no seu grupo, o equipo santiagués tentará volver á  categoría que merece. Tamén haberá conexións en directo co Rácing Vilalbés – Pulpileño, que se poderá seguir tamén pola web.

E de equipos que buscan volver á Segunda B, chégase a equipos que non queren marchar. Tras unha temporada decepcionante, o Coruxo enfróntase ao Mérida para seguir un ano máis na terceira categoría do fútbol español. O partido terá lugar ás 19.00 horas, tamén na tvG2.

Para poñer punto e final ao deporte na tvG2, o “En Xogo” comeza ás 22.40 horas con todos os resumos e actualidade das eliminatorias de todo o país.

Fuente: TVG

Compartir