Os veciños das aldeas de Cans, San Miguel e Meiro serán os protagonistas da nova entrega de `Grandes Lugares´

0
10

Santiago, 06.12.2017.-  Neste programa de ‘Grandes Lugares’ da Televisión de Galicia, os reporteiros visitarán as aldeas de Cans, no concello pontevedrés do Porriño; San Miguel, no concello de Paradela, e Meiro, no concello pontevedrés de Bueu.

A primeira parada do programa será en San Estevo de Cans, unha parroquia do concello pontevedrés do Porriño, terra de artistas e mundialmente coñecida por un festival único de curtametraxes que toma a aldea cada ano. Pero Cans é moito máis que un festival e os reporteiros darán conta disto amosando o exquisito licor café que preparan os seus veciños, o artista que esculpiu o can de pedra que lle dá a benvida ao forasteiro e unha pintora, escritora e autodidacta, a Frida Kahlo deste gran lugar. Ademais, os espectadores poderán comprobar que Cans é un viveiro de músicos, xa que cantareiros e acordeonistas xúntanse para ensaiar cada semana.  

A seguinte parada será San Miguel, un gran lugar do concello de Paradela, na comarca lucense de Sarria. Por aquí pasa o Camiño Francés, polo que é unha terra de sendeiros, fervenzas e muíños que non tería sentido sen o río Loio. Se hai algo que distinga os veciños desta aldea, é o seu xeito de traballar a madeira. Ademais, os reporteiros non marcharán sen probar a súa marmelada.

Por último, o programa estará no concello de Bueu, en Meiro, territorio de castros e asentamentos romanos. Esta vila é terra de millo e muiñeiros, por iso desde moi cedo, arrecende a pan. Ademais, aquí calquera escusa é boa para organizar unha foliada e non hai festa sen filloas. Ademais, os reporteiros visitarán a fonte que os veciños de Meiro restauraron entre todos, participarán nos xogos populares que organizan e comprobarán que nesta terra houbo tamén ‘domingos galeguistas’, xa que aquí a historia de Galicia viviu un capítulo importante.

Fuente: TVG

Compartir