Radio Galega Música segue de xira polo circuíto galego de festivais, con parada esta semana en Portamérica

0
7

Santiago, 05.07.2018.-    Despois da cita da semana pasada na primeira edición de O Son do Camiño, o espazo “Estudio 3” de Radio Galega Música continúa de xira polo circuíto galego de festivais e entre hoxe e o sábado será o programa oficial de Portamérica, agardado evento musical e gastronómico, un dos certames máis concorridos, que se celebra esta fin de semana Caldas de Reis.

O Festival Portamérica reunirá de novo no seu escenario a mellor música independente nacional e internacional de Europa e América, cun cartel de luxo encabezado por Imelda May, Pussy Riot, Vetusta Morla, Xoel López e Izal.

A gastronomía será outra das grandes protagonistas do certame, coa presenza dun nutrido grupo de chefs de recoñecido prestixio, con ampla representación galega, que farán as delicias do público con pinchos gourmet a prezos populares.

“Estudio 3” estará en directo en Portamérica de 17.00 a 22.00 h., salvo hoxe, que as actuacións comezan ás 19.00 h., e, ademais de ofrecer os concertos, Ricardo Alonso conversará cos artistas, cos organizadores do festival e co público asistente.

Despois de O Son do Camiño e Portamérica, a semana que vén será a quenda do Festival do Mundo Celta de Ortigueira, cuxa cuadraxésima edición lles será tamén ofrecida aos oíntes de Radio Galega Música.

Fuente: TVG

Compartir