RG Música recala este xoves no festival de Ortigueira, cita ineludible para os amantes do folk

0
0

Santiago, 11.07.2018.-  Continúa a xira musical de Radio Galega Música polos festivais máis destacados do noso país. Nesta ocasión, o espazo “Lume na Palleira” será o altofalante, un ano máis, do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. A maiores, o domingo, o programa da emisora pública realizará un especial desde o Teatro da Beneficencia.

Desde mañá ata o domingo, o programa que dirixe e presenta Emilio Españadero en Radio Galega Música transmitirá, en directo, todos os concertos desta edición, que festexa este ano o seu 40 aniversario. Nestes catro días poderase gozar das actuacións, entre outros moitos, do escocés Ímar, dos irlandeses Kila e Lúnasa, do canadense Yves Lambert Project, da formación británica The Celtic Social Club e dos galegos Milladoiro. Unha cita ineludible e un dos referentes mundiais da música folk.

O domingo, entre as 17.00 e as 19.00 horas, “Lume na Palleira” estará en directo, desde o Teatro da Beneficencia, para festexar coa Escola de Gaitas de Ortigueira o 40 aniversario do certame e presentar o seu novo disco “O Noso Festival – En Directo”. Neste especial intervirán os actuais responsables da Escola e tamén históricos do certame. Ademais, como é habitual no espazo da emisora pública, ofreceranse diversas “sorpresiñas” musicais. O programa estará tamén aberto ao público.

Desde calquera lugar do mundo poderase gozar de toda a música e a maxia dun dos festivais celtas máis importantes do mundo.

Fuente: TVG

Compartir