Sábado polideportivo e domingo de fútbol na CRTVG, que retransmitirá o mellor do deporte galego

0
0

Santiago, 05.10.2018.-  Nesta primeira fin de semana de outubro xa están en marcha case todas as competicións deportivas do noso país. A CRTVG retransmitirá unhas semana máis os encontros máis destacados dos equipos galegos.

A oferta deportiva comeza o sábado ás 16.30 horas cunha nova entrega de “Padexando”, o programa da TVG de piragüismo. A continuación, ás 17.00 horas é a quenda do fútbol sala, co encontro de Segunda División entre o Noia e o Santiago Futsal, todo un derbi a estas alturas do campionato. O partido poderase seguir na tvG2 e na web da CRTVG.

Ás 19.00 horas, tamén a través da tvG2 e a web da CRTVG, chega o momento do balonmán. O Atlético Novás enfróntase ao Club Cisne nun dos partidos máis interesantes da xornada da División de Honra de prata.

Os espectadores da galega tamén poderán ver este sábado o mellor resumo do Campionato de España de Rallies.

A xornada dominical estará dedicada integramente ao fútbol. Pola mañá, fútbol de Segunda B, Celta B – As Palmas Atlético, pola tvG2 e pola web. O encontro, en directo ás 12.00 horas, enfronta dous equipos da parte alta da clasificación, co conxunto vigués na procura do liderado.

Pola tarde, o programa “A Liga das Cidades” estará centrado na Terceira División. Ás 17.00 horas terá lugar o Alondras –  O Porriño e a partir das 18.00 horas, o Compostela – Arousa. Estes partidos poderanse seguir en directo na tvG2  e tamén pola web da CRTVG.

O deporte bota o peche na CRTVG co “En Xogo”, como cada fin de semana, onde os espectadores poderán seguir a partir das 22.45 horas toda a actualidade deportiva de Galicia.

Fuente: TVG

Compartir