Soraya, a raíña do pop-dance español, e Juan Valderrama, herdeiro dunha longa tradición musical, visitan este venres "Luar"

0
0

Santiago, 05.10.2018.-   O programa “Luar” contará este venres coa presenza da cantante estremeña Soraya, a raíña do pop-dance español, que, tras unha dilatada carreira musical, presenta o seu último sinxelo, “Yo brindo”, unha canción chea de matices folclóricos que supón unha homenaxe á súa terra.

O espazo da TVG tamén ofrecerá a actuación de Juan Valderrama, un artista que está a construír a súa propia obra sen deixar de lado a tradición da que é herdeiro, como fillo dunha das parellas artísticas máis emblemáticas do noso país: Juanito Valderrama e Dolores Abril. O cantante abriuse camiño no panorama musical cun estilo que mestura as raíces andaluzas coas novas tendencias.     

Como é habitual, a música tradicional galega terá un oco destacado no programa, coas actuacións da A.C. Candaira, do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, da Banda Ateneo de Negreira, de Fol de Veneno, dos Amigos do Acordeón das Rías Baixas e do coro tradicional Abeleiras de Alxán.
    
Os espectadores tamén poderán ver esta noite unha mostra da música popular canaria, xa que visitan o “Luar” Los Gofiones, posuidores dunha ampla discografía e importantes recoñecementos e que compaxinan o seu traballo no campo das raíces folclóricas coa busca de novas fórmulas musicais e escénicas.

Ademais, o concurso de talentos “Recantos” continúa o seu curso, esta noite coa participación de Miguel Vázquez, procedente de Lugo sur, e de Julia Rodríguez, representante da comarca O Miño.

Fuente: TVG

Compartir