Televisión de Galicia emite un especial sobre as orixes e traxectoria do Combo Dominicano

0
7

Santiago, 24.08.2017.-   O Combo Dominicano (22.40 horas) é todo un fenómeno de masas, especialmente entre a mocidade galega. Logo de pasar 24 horas coa orquestra, para pescudar sobre as súas orixes e crecemento, a Televisión de Galicia emite hoxe un programa especial sobre esta formación. O programa, que se gravou coincidindo coas festas de Paiosaco, na Laracha, en que actuou a formación, recolle o testemuño de fans de varias partes de Galicia, membros de comisións de festas e os propios integrantes do Combo Dominicano.

Ademais de entrevistas e actuacións –con temas propios e versións–, o programa da canle pública intercala flashbacks en que se interna no mundo de Combo Dominicano e mesmo viaxa ata as Illas Canarias para dar conta aos seus fans do pasado desta xa emblemática orquestra.

O Combo chegou a Galicia desde as Illas Canarias no 2005 e non pararon de medrar ata converterse nun fenómeno social. Defínense como orquestra, pero teñen composicións propias como “María Lola” ou “Amor secreto”,  que chegaron a estar entre o temas máis descargados de Spotify na Coruña, Santiago e Vigo.

Chámanos para inaugurar as tempadas das principais salas galegas, encheron o Coliseum da Coruña e, ao aire libre, congregaron 15.000 persoas nas festas do Burgo de 2015.

O Combo Dominicano revolucionou algo tan tradicional como a verbena galega, cun estilo propio, electrizante e intenso, que bautizaron como “o swing do Combo”.

Fuente: TVG

Compartir