Un frechazo nun San Froilán uniu as vidas de Yoli e Jose, os protagonistas do "Casamos!" desta semana

0
0

Santiago, 11.07.2018.-  As historias de amor máis románticas, divertidas e entrañables, da man de parellas de noivos que celebran a súa voda en Galicia, serán protagonistas unha semana máis na TVG co programa “Casamos!”.

A historia de amor de Yoli e Jose, os protagonistas desta noite, é a historia dun frechazo. Un San Froilán uniu as súas vidas cun choque casual. Das desculpas pasaron a unha conversa que os levaría a ser amigos.

A amizade tornouse ao pouco tempo en amor, un amor que non sempre foi doado de levar. Os dous defendían a súa historia a capa e espada e Jose encaixou ao momento coas fillas de Yoli.

As miradas entre os dous son tan especiais que agora celebran o seu enlace cunha voda folk. A celebración será unha auténtica festa galega para todos e os espectadores da Televisión de Galicia están convidados.

San Benitiño de Lérez

A TVG segue de festa e ten hoxe unha cita na parroquia pontevedresa de Lérez, que cada 11 de xullo queda pequena para acoller os milleiros de devotos do San Benitiño, o “santo máis milagreiro”, un título que lle vén dado polos 21 milagres que se lle atribúen dende que comezase o seu culto na Idade Media.

Na actualidade, os fieis acoden ao santo co fin de curar as espullas e outras afeccións da pel e para isto cómpre facerse cun frasquiño do “aceite do santo”, un ungüento que se prepara nunha ola de cobre durante a romaría. A tradición manda tamén que os devotos pasen baixo o altar e fagan as súas ofrendas.

Esta festa, que comezou sendo una romaría fluvial, ten hoxe en día dous escenarios. Por un lado, o mosteiro do Lérez, o templo que acolle o santo e onde se celebran as misas na súa honra. E, polo outro, a praia fluvial do Lérez, onde ten lugar una celebración máis laica. Aquí os pontevedreses gozan dunha mexillonada de balde.

É tanta a devoción dos pontevedreses polo San Benitiño que lle dedican ao santo dúas festas. Hai un San Bieito de inverno, o 21 de marzo, e un de verán, o 11 de xullo, pero existe entre os pontevedreses unha especial predilección por esta segunda data, que se considera ademais o punto de arranque das festas do verán no concello.

Onde collen dous

O programa “Onde Collen Dous” irá hoxe ata Cangas, en Pontevedra, para coñecer a Eva, unha muller cunha prioridade clara: formar unha familia. Tras romper cunha parella que non tiña o mesmo obxectivo ca ela, Eva decidiu ser nai solteira por elección. Agora goza cada día da maternidade cos seus dous fillos: Amaro, de tres anos, e Mariña, unha pequena recentemente chegada de só dous meses.

A última parada desta noite levará o equipo do programa ata a provincia da Coruña, concretamente a Lires. Alí coñecerán aos Canosa Trabas, unha familia numerosa que vive e traballa no mesmo lugar: o seu hotel. Os espectadores verán se son quen de separar os problemas do traballo da vida persoal e familiar e comprobarán como para os máis cativos hai moitas maneiras de divertirse nunha vila pequena pero con encanto.

Fuente: TVG

Compartir