Víctor Aneiros, o pioneiro do blues rock en galego, presenta esta tarde en `Zigzag´ o seu novo disco, `Un extraño entre la multitud´

0
0

Santiago, 07.12.2017.-    O programa ‘Zigzag’ recibirá hoxe a visita do bluesman de Ferrol Víctor Aneiros, o pioneiro do blues rock en Galicia, que lle dá un xiro á súa carreira co novo álbum ‘Un extraño entre la multitud’. Neste traballo, reflexiona sobre o paso do tempo ao seu arredor e non teme amosarse crítico cos problemas da sociedade actual, aínda servíndose dun desenfadado ton irónico. O compositor aborda temas presentes no día a día, como o da falsa realidade imperante nas redes sociais, e tamén lle dedica un tema á crise dos refuxiados.

Os espectadores da tvG2 tamén coñecerán a proposta musical de A Banda da Lola, cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para darlle voz a este novo proxecto, cun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría coma en musicalizacións de poetas célebres. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop e do folk. O gupo está a presentar o seu primeiro disco, ‘Bailando as rúas’.

Por outro lado, ‘Zigzag’ ofrecerá unha reportaxe sobre o Festival de Curtas de Verín, cuxa segunda edición se presenta co mesmo formato da primeira, pero con moitas novidades. Durante estes días, estanse a proxectar un total de 57 curtametraxes de 21 países, incluíndo cintas de recoñecido prestixio recentemente premiadas. Ademais das proxeccións cinematográficas, o festival contará con obradoiros, foros de debate e mesas redondas.

Finalmente, na seccións ‘Fondos Reservados’, Moncho Lemos falará dos 40 anos do mítico tema dos Eagles ‘Hotel California’, un grande éxito comercial e unha das mellores cancións da historia do rock.

Fuente: TVG

Compartir