"Zigzag", o programa cultural senlleiro da TVG, regresa con emisión tamén na fin de semana e na primeira canle

0
0

Santiago, 06.10.2018.-    Este sábado volve “Zigzag”, o programa cultural senlleiro da TVG, enmarcado nesta nova andaina dentro do proxecto #Cultura365, que achegará información cultural específica, en directo, nos medios públicos de Galicia os 365 días do ano. A gran novidade é que o programa máis galardoado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual pasa a emitirse tamén na fin de semana, na primeira canle e en horario de grande audiencia. Deste xeito, “Zigzag” estrea o seu novo formato a partir das 13.40 horas os sábados e domingos. Pola semana manterá o seu horario habitual, ás 13.35 h., na tvG2.

Presentado por María Solar nas fins de semana –Pilar G. Rego continuará conducíndoo de luns a venres-, “Zigzag” comeza temporada recibindo a Dani de la Torre e Luís Tosar, director e protagonista, respectivamente, da película “A sombra da lei”, unha historia de gánsteres ambientada nos anos 20, que tivo a súa preestrea esta semana en Pontevedra e que chegará ás salas de cine o vindeiro 11 de outubro. Rodada en Galicia, producida por Vaca Films e con produción da CRTVG, promete ser unha das sensacións da temporada.

No “Zigzag” deste sábado tamén falarán de Festival de Sinsal, que se celebra os meses de xullo na illa de San Simón e que ampliou a súa edición deste ano a hoxe e mañá, con concertos e actividades na cidade de Vigo, onde se escoitarán sons de Galicia, O Brasil, Islandia, Taiwán e Andalucía.

Ademais, o espazo cultural da Televisión de Galicia abordará a nova temporada de música clásica, cos proxectos das dúas formacións máis importantes da nosa comunidade: a Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica.

Fuente: TVG

Compartir