8 das 10 propostas máis vistas en G24.gal son do proxecto #DígochoEu, con consellos para mellorar o galego

0
10

Santiago, 31.01.2020.-  O proxecto #DígochoEu, posto en marcha pola CRTVG na súa web, nas redes sociais e na Radio Galega hai xusto un mes está a promover a aprendizaxe e mellora do galego cunha excelente acollida, tanto en número de visitas como na interacción e resposta dos seguidores dos distintos perfís dos medios públicos galegos.

Cun formato breve e moi ameno, a CRTVG publica cada día un vídeo diferente en g24.gal de aproximadamente un minuto de duración, que propón unha palabra incorrecta, de uso común no galego, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. #DígochoEu intenta seguir o fío da actualidade, como foi o caso das palabras ‘obrigado’, ‘navideño’ e más recentemente con ‘coronavirus’, seguindo as suxestións que se reciben na interacción coa audiencia.

Cada vídeo difúndese polas redes sociais de @g24 noticias e na canle Youtube da TVG, e o proxecto adaptouse á Radio Galega, onde vai, cada mañá, arredor das 10h no programa ‘Galicia por diante’. Algúns dos vídeos ofrécense nos telexornais da TVG e tamén hai dispoñibles GIF de #DígochoEu para compartir estes consellos nas redes.

Un dos capítulos de máis éxito foi un especial gravado en exteriores na Lama (Pontevedra), dedicado ao concello que fala o galego máis parecido ao normativo; mentres que o vídeo máis visto foi o da palabra ‘noraboa’.

#DígochoEu, impulsado desde a área de Informativos por Carlos F. Amado, está presentado pola xornalista Esther Estévez, coa revisión da asesora lingüista Rocío Pérez. #DígochoEu logrou desde o primeiro día unha salientable aceptación do público, tanto no Instagram como en Twitter (@g24noticias), Facebook (/g24noticias), na canle de Youtube (youtube.com/tvg) e na web da CRTVG. De feito, varios dos seus capítulos atópanse entre as entradas máis vistas de informativos na web, onde 8 das 10 propostas con máis visualizacións en G24.gal son vídeos do #DígochoEu neste mes de xaneiro. O proxecto está tendo, amais, moita repercusión en institucións e escolas, en que se recomenda o emprego destes vídeos para favorecer a normalización lingüística e ensinar dunha maneira divertida a falar mellor en galego.

#DígochoEu súmase a outros proxectos xa en marcha que a Corporación creou para promover o uso da lingua galega. Entre eles, #InstaGal, que cumpriu recentemente un ano de vida e que se desenvolve no Instagram da Corporación para retratar a diversidade lingüística de Galicia, e que foi escollido nos últimos Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia como Mellor Proxecto de Social Media. Coa mesma intención divulgadora dos usos da lingua, a Radio Galega conta cada sábado coa sección  ‘Apalabradas’ no magazine ‘Galicia por diante fin de semana’, nunha colaboración de lexicografía do asesor lingüista Paulino Novo.

Fuente Crtvg.es