A 42ª edición do Concurso de Saltos Internacional da Coruña, esta fin de semana en directo nos medios públicos galegos

0
22

Santiago, 02.12.2022.-    Ampla e variada oferta deportiva a que ofrecerán os medios públicos galegos esta fin de semana, que comezará o sábado ás 16.30 h, en que se emitirá un carrusel cos dous derbis galegos da undécima xornada da 1ª RFEF de fútbol sala feminino: o Marín Futsal-Viaxes Amarelle e o Ourense C. F. Envialia-Poio Pescamar.

A continuación, ás 19.00 h, chegará o fútbol de Primeira División RFEF, co partido R. C. Deportivo-Córdoba C. F., correspondente á décimo cuarta xornada do Grupo I. Despois de impoñerse en Fuenlabrada de xeito contundente, o conxunto coruñés recibe un equipo que chega como líder en solitario e que non coñece a derrota a domicilio.

Pero, sen dúbida, un dos pratos fortes da xornada será o C.S.I. Casas Novas, que ofrecerán en directo a G2 (21.00 h) e a web da CRTVG (20.30 h). Xinetes e amazonas de 21 países estarán presentes na 42ª edición do Concurso de Saltos Internacional da Coruña, que o sábado terá como proba destacada o Gran Premio Longines. Os usuarios de crtvg.gal tamén poderán seguir en directo esta competición de hípica o domingo desde as 17.00 h, cando se celebrará a FEI Jumping World Cup, puntuable para a Copa do Mundo en salto de obstáculos. A segunda canle da Galega ofrecerá esta proba en diferido a partir das 19.00 h.

Antes das retransmisións de hípica, os espectadores poderán ver na mañá do domingo, ás 12.00 h, o derbi ourensán de Segunda RFEF que disputarán o C. D. Arenteiro e o Ourense C. F. Os de Javi Rey buscarán consolidar o liderado do Grupo I, mentres que o Ourense, pola súa parte, chega nun momento complicado de forma tras acumular tres derrotas consecutivas.

E ás 17.00 h volve a Primeira RFEF co encontro Pontevedra C. F.-Rácing de Ferrol, un clásico da antiga Segunda B entre dous equipos que levan máis de medio cento de enfrontamentos entre a competición ligueira e a Copa do Rei. Trátase dun choque importante para ambos. No caso do Pontevedra, en plena recuperación, para intentar saír dos postos de descenso, mentres que os ferroláns intentarán deixar atrás unha serie de cinco xornadas sen gañar que lles fixo caer fóra da zona de play-off tras un espectacular inicio de competición.

Fuente Crtvg.es