A Academia da Televisión recoñece con cinco Premios Iris o labor das canles autonómicas

0
4

Santiago, 19.11.2019.-    A Academia das Ciencias e as Artes da Televisión e do Audiovisual, presidida pola xornalista María Casado, recoñeceu o labor e a traxectoria de programas e profesionais dos servizos audiovisuais públicos autonómicos con cinco Premios Iris 2019, que foron entregados onte nunha cerimonia celebrada no Nuevo Teatro Alcalá de Madrid, que congregou máis dun milleiro de profesionais da pequena pantalla.

Na 21ª edición destes premios, convocados e entregados anualmente pola Academia da Televisión e que distinguen a traxectoria de programas e profesionais en 13 categorías diferentes, o xurado quixo recoñecer co Premio á Mellor Dirección de Ficción Antonio Mercero a Marc Cistaré, Alejandro Bazzano e David Azcano, pola serie ‘La Víctima Número 8’, producida por Telemadrid e EiTB, xunto a Mediapro.

Tamén resultou galardoado cun Premio Iris do Xurado o programa ‘Los Investigadores’ (CMM), por tratarse dun «formato innovador e transmedia» que aposta polo público familiar e promove a cultura, a ciencia e o coñecemento e que involucra a comunidade educativa. O programa naceu na plataforma dixital CMMPlay e desenvolveuse na canle de televisión de Castilla-La Mancha Media cos episodios completos e as votacións dos usuarios.

Pola súa parte, Toñi Moreno, presentadora de ‘Un año de tu vida‘ (Canal Sur), recolleu tamén o Premio Iris do Xurado pola «súa capacidade de traspasar a pantalla e empatizar coa audiencia dun xeito moi especial».

Ademais, a presentadora María Rey recibiu o Premio á Mellor Presentadora de Programas Autonómicos por ‘120 Minutos’ (Telemadrid), mentres que ‘El Viaje’, de Aragón TV, foi considerado o Mellor Programa Autonómico.

Fuente Crtvg.es