A actualidade da cultura e as propostas dos creadores galegos volven á G2 cunha nova temporada do programa ‘Zigzag’

0
16

Santiago, 20.09.2021.-    ‘Zigzag’, o programa de referencia da cultura en Galicia, volve este luns á G2 (16.40 h) despois das vacacións de verán. Así, unha temporada máis, a actualidade das artes e as propostas dos creadores galegos manteñen un lugar de seu, os sete días da semana, na grella da canle autonómica con este espazo, que presenta Pilar G. Rego de luns a venres e María Solar na fin de semana e a través da primeira canle.

Nesta nova temporada, o programa contará con novas colaboracións, as de Malores Villanueva (literatura), Ania González (arte contemporánea), Marta Gómez (música), Ángel Suanzes (cinema), Ernesto Is (escena) e Carlos Pereiro (videoxogos e mundos dixitais).

No primeiro programa, ‘Zigzag’ contará coa presenza no estudio das actrices Ledicia Sola e Merce Castro, que estrean a montaxe ‘Cigarreiras’, baseada no libro ‘La Tribuna’, de Emilia Pardo Bazán. A muller, o amor e os prexuízos de clase son os temas sobre os que xira esta relectura que fai a compañía Contraproducións dunha das obras máis importantes da autora, facendo fincapé no ambiente das primeiras loitas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña.

Ademais, o espazo da G2 ofrecerá unha reportaxe sobre a 69ª edición do Festival de Cine de San Sebatián, que comezou esta fin de semana na capital donostiarra, e Marta Gómez dedicará a súa sección de música ao Festival Maré, que do 23 ao 26 de setembro volve a Compostela para converterse en referencia intercultural e de diálogo entre músicas e outras artes das dúas beiras do Atlántico. Do Brasil a Cabo Verde, pasando por Colombia, Mozambique, Catalunya, Angola, Portugal ou Galicia, Maré aposta de xeito decidido pola diversidade, ahcegamento e intercambio cultural entre territorios e sociedades que comparten lazos lingüísticos, históricos e sentimentais.

Fuente Crtvg.es