A actualidade e o entretemento tamén acompañarán os oíntes da Radio Galega esta Semana Santa

0
5

Santiago, 08.04.2020.-  A Radio Galega desenvolverá unha programación de Semana Santa ao fío da actualidade e combinada con variadas propostas de entretemento. Dada a extraordinaria situación actual, os boletíns e os espazos informativos estarán ao tanto de calquera noticia ou comunicado relativo a crise sociosanitaria provocada polo covid-19. Amais, a emisora pública manterá os magazines e espazos deportivos habituais tamén durante a fin de semana.  

Por iso, o Xoves e Venres Santo emitirase o ‘Galicia por Diante’ con normalidade. Entre as 06.00 e as 14.00 horas, estarán Xosé Valiñas e Kiko Novoa á fronte dos micrófonos do programa, co cometido de informar e entreter os oíntes da Radio Galega. Coma sempre, poderase gozar coa diversión que se desata na súa sección ‘A Bola Extra’.

Pola súa parte, ‘A Crónica’ estenderá a súa duración a hora e media, desde as 14.00 horas; mentres que o magazine ‘A Tarde’ estará cos seus seguidores no horario habitual.

Informativos especiais na fin de semana

A fin de semana contará cun informativo especial, de 08:00 a 15:00 horas, o sábado e o domingo, a cargo de Luis Ojea. A continuación, seguirá un magazine tamén especial, dirixido por Victoria Rodríguez, de dúas horas de duración. Os afeccionados aos deportes estarán de parabéns xa que tanto o venres coma o sábado e o domingo o ‘Galicia en Goles’ ofrecerá as últimas novas do mundo deportivo.

E o veterano programa das madrugadas da Radio Galega ‘Pensando en Ti’ acudirá puntual á súa cita os días festivos para intercambiar experiencias e testemuños cos seguidores máis noctámbulos da emisora pública.

Fuente Crtvg.es