A aparición dun corpo aboiando no porto de Ardora serve en ‘A Estiba’ para establecer unha teoría sobre a matanza do Delta

0
5

Santiago, 17.11.2019.-    No capítulo desta semana de ‘A Estiba’, o corpo dun home morto dun disparo aparece aboiando no porto de Ardora. No pescozo ten varias tatuaxes. Manuela e Cruz non tardan en identificar o morto co home que asaltou a comisaría para matar a Covas. Con este novo achado, establecen unha teoría: se o que matou o home tatuado foi o seu socio, foron eles os responsables da matanza do Delta e do roubo da carga? Para confirmar a súa teoría, necesitan a colaboración de Covas, ao que ofrecerán un trato que non poderá rexeitar.

Mentres tanto, Marcos convoca unha conferencia de prensa para pedir desculpas polo escándalo e intentar recuperar a súa prometedora carreira política. Despois de saber que Emilio Fortes, o seu pai, foi a mente pensante do escándalo, Rosalía valorará axudar a Marcos a recuperar o prestixio perdido, pero o seu nunca será coma antes, e menos desde que César apareceu na vida de Rosalía.

A que non terá fácil recuperar a súa vida é Silvia. Sen traballo e despois do escándalo, está tendo problemas en Ardora e quere que tanto Ramiro como Emilio a axuden a recuperar a normalidade.

Pero para Emilio as cousas non están saíndo como esperaba. César perdeu a confianza nel, polo que o seu plan para acabar con el está en perigo se non actúa con cautela. Antes de destruír a César ten que rematar a Marcos e, temendo que Silvia fale coa prensa, Emilio ordénalle a Ramiro a que se desfaga dela o antes posible.

Fuente Crtvg.es