Santiago, 21.11.2021.- A colaboración cidadá con UNICEF a través da Semana coa Infancia da CRTVG serviu para dotar de tratamento contra a desnutrición aguda grave 3.289 nenos e nenas durante un día.
No marco da XII Semana coa Infancia, a TVG e a Radio Galega, así como o portal web crtvg.gal e as redes sociais da Corporación axudaron a que se coñecese o impacto da guerra de Ucraína, a seca e a inflación, que deron como resultado un grave aumento da desnutrición no Corno de África, en países como Somalia ou O Sudán do Sur, ou o aumento da pobreza na Federación Rusa, Romanía e a propia Ucraína.
Coa campaña deste ano, enmarcada nas AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG, UNICEF puxo o foco na saúde mental da infancia e a adolescencia, achegando nos distintos espazos da TVG e da Radio Gaelga datos de acoso escolar e ciberacoso, en Galicia e en España, e como inflúen nos niveis de benestar emocional, integración social e satisfacción coa vida dos nenos e nenas que os sofren.
Entre outros moitos programas, ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘Galicia Noticias’ e o espazo ‘Dígocho Eu’ colaboraron emitindo reportaxes e entrevistas relacionadas con esta XII Semana coa Infancia. Ademais, ‘Luar’ ofreceu o pasado venres unha edición especial en que deu a coñecer o labor de UNICEF en distintos países e se fixeron chamamentos á solidariedade da audiencia, e o espazo ‘Zigzag’ contou este domingo coa participación de nenos e nenas como presentadores e técnicos durante un día.
Hai que engadir a colaboración de espazos informativos e de entretemento da Radio Galega como ‘Galicia por Diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ‘Convivir’ e ‘Galicia en Goles’, e o labor do portal web e das redes sociais da Corporación. E, sobre todo, hai que salientar a colaboración dos espectadores dos medios públicos galegos que se sumaron á campaña. Grazas a todas as colaboracións dos cidadáns, oíntes e televidentes da Galega, a ONG, cumpriu un dos seus obxectivos de axuda e difusión das diferentes mensaxes ligadas aos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible da ONU, que son tamén as bases das AcciónsG da Corporación RTVG.
Fuente Crtvg.es